top of page

CRÓNICA X15 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (VIL 3-5 NPA “B”) | Vitoria de aguante e prestixio


Sábado, 21/12/2024 · 10:50h | O Filial acaba o 2024 tumbando ao colíder nun exercicio de sufrimento con final feliz.


Broche de ouro para o 2024 do Noia Portus Apostoli FS “B”, que tivo capacidade de resistencia para manter a gran renda lograda nos primeiros 28 minutos de partido e terminar levando os tres puntos da cancha do colíder.


Abriron a lata os locais moi cedo, co tanto de Antón aínda transcurrindo o minuto 1. Pouco houbo que agardar tamén para a réplica noiesa, en forma de golazo de lanzamento de falta de Álvaro no 3’. Aínda tiña reservado un misil máis o á dos nosos, que no 13’ volvía a perforar as redes noutro disparo de falta ante o que nada puido facer o meta rival e que daba vantaxe aos brancos.


O golpe converteríase en dobre poucos segundos máis tarde, cando unha boa xogada conducida por Koeman en banda dereita terminaba co remate de Canario entrando lentamente na portería local e colocando o 1-3 no electrónico.


Da comodidade ao sufrimento


Dous goles abaixo, ao Vilalba FS non lle quedaba outra que deixar o resto na segunda metade e ir a pola remontada. A acumulación de balón e o empuxe verdes eran evidentes, pero sen facer sufrir en exceso a un Filial que atopaba solucións en defensa e saídas rápidas en ataque. De feito, nunha delas, lograrían aumentar máis a diferenza, con Jorge anotando no 28’ o penalti cometido polo gardameta sobre el mesmo.


Porén, a situación idílica esvaeceuse rapidamente. Dous tantos seguidos do Grupo FORMA-T axustaron o marcador a un 3-4 que preto estivo de ser peor para os intereses noieses. Evitouno Iván detendo un man a man e, sobre todo, dous disparos de dez metros dos rivais. Tamén o pau apareceu como amigo do Filial para impedir o empate.


Superada a tormenta, os filialistas non desaproveitaron a primeira oportunidade para sentenciar, e a algo máis dun minuto para o final, Izan colocou o definitivo 3-5 desde o punto de dez metros.


Concluído o 2024 e a primeira volta ligueira, o Noia Portus Apostoli FS “B” fai balance con 26 puntos e 8 vitorias en 15 partidos, que lle permiten ir ao novo ano como quinto ou sexto clasificado, dependendo do resto de resultados. O desafío da Segunda División “B” FS non comezou nada mal para o noso Filial, ao que agora lle toca recargar pilas para afrontar o 50% restante con aínda máis ambición e ilusión.


Próximo partido


Parón de Nadal coa primeira volta pechada para o Filial, que non volverá a xogar ata a fin de semana do 11 de xaneiro, no que visitará ao IES Coruxo FS.


 

Ficha técnica

Grupo FORMA-T Vilalba FS: César (p), Ismael (c), Iago Fariñas, Dani Quintela e Antón. Tamén xogaron Diego Amado, Diego, Dani, Alonso, Kevin Chis e Carlos.


Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Izan, Koeman, Teo e Canario. Tamén xogaron Lucho (c), Fer, Álvaro, Brais, Dani Prieto, Hugo, Iago López e Jorge.


Goles: 1-0 Antón (1’), 1-1 Álvaro (3’), 1-2 Álvaro (13’), 1-3 Canario (14’), 1-4 Jorge, de penalti (28’), 2-4 Ismael (29’), 3-4 Iago Fariñas (29’), 4-5 Izan (39’).


Os árbitros Iván Feliz Otero e Pablo Enrique Guntín Garrido amoestaron con cartón amarelo nos vilalbeses ao adestrador Kini (13’), Alonso (23’), Kevin Chis (23’), Diego (27’ e 38’), César (28’) e Carlos (30’). Nos noieses, amarelas a Dani Prieto (26’), Canario (27’) e Iago López (29’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 15 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal de Vilalba.

Comments


bottom of page