top of page

CRÓNICA X15 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (LUG 3–2 NPA “B”) | Derrota en Lugo

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • 5 days ago
  • 2 min read
Luns, 22/12/2025 · 20:50h · Imaxe: Koke Pereira | Os noieses loitaron ata o final por sumar na pista dun dos favoritos ao título e postos de PlayOff.
Luns, 22/12/2025 · 20:50h · Imaxe: Koke Pereira | Os noieses loitaron ata o final por sumar na pista dun dos favoritos ao título e postos de PlayOff.

O Noia Portus Apostoli FS “B” non puido poñer fin á xeira negativa de resultados este domingo en Lugo. Os de Chipi caeron pola mínima (3-2) na súa visita ao ADC Lugo Sala, nun encontro apretado de inicio a fin no marcador e na pista.


Os lucenses marcaron a diferenza no balón parado. Así fixeron os seus dous goles na primeira metade, entre os que Nico Cuello fixo o primeiro do Filial cunha xenial manobra co taco dentro da área e de costas a portería. Koeman puido levar o partido a vestiarios con empate a dous, pero marrou o disparo desde o punto de dez metros co tempo cumprido.


Tentouno ata o final


Os locais abriron distancia por medio de Brunito no 27’, aproveitando un erro en saída de presión do Portus Apostoli “B”. Dous abaixo, o guión esixía un paso adiante, que chegou sobre todo co porteiro-xogador. Na superioridade numérica dispuxo das súas mellores oportunidades o cadro filialista, aínda que só materializou Oliver Chenel no 38’, facendo insuficiente o gran esforzo noiés.


Con este resultado, o Filial pecha o 2025 e unha gran primeira volta na 6ª praza da clasificación con 24 puntos, 6 sobre o descenso e a 4 de zona de PlayOff.


Próximo partido


Os brancos empezarán a segunda volta e o 2026 na pista do Exlabesa Leis Pontevedra FS, en data por confirmar entre o 10 e o 11 de xaneiro.



Ficha técnica

ADC Lugo Sala: Torero (p), Pablito, Yago Tenreiro, Pansi e Isi. Tamén xogaron Aarón (p), Javi, Brunito, Miguel (c), Rubén Santana, Mitxel e Pedro.


Noia Portus Apostoli FS “B”: Mosquera (p), Hugo, Nico Cuello, Teo e Koeman. Tamén xogaron Koke (p), Mateo Varela, Oliver Chenel, Brais, Iago López, Cepeda e Jorge (c).


Goles: 1-0 Brunito (6’), 1-1 Nico Cuello (15’), 2-1 Miguel (17’), 3-1 Brunito (27’), 3-2 Oliver Chenel (38’).


Os árbitros Iria de Luis Iglesia e Sergio López Riveiros amoestaron con tarxeta amarela nos lucenses a Pansi (11’) e Brunito (30’). Nos noieses, amarela a Brais (33’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 15 do Grupo 1 da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal dos Deportes de Lugo.

Comments


bottom of page