top of page

CRÓNICA X15 (NPA “B” 6–5 VEN) | O Filial, campión de inverno!

Os de Daniel Ventoso impuxéronse nun partido de alternancias, que cumpriu as expectativas agardadas, e que os deixa máis líderes do seu grupo da Terceira División FS con 6 puntos de vantaxe ao término da primeira volta.

(foto: Pichero)

O Noia Portus Apostoli FS “B” prevaleceu na tarde do domingo, no que foi un auténtico partidazo entre 1º e 2º de grupo da Terceira División FS, co líder reforzando a súa posición e levándose o título simbólico de campión de inverno ao remate da primeira volta do campionato.


Imposible imaxinar un inicio de partido mellor para os noieses. Aos 13’’, Hugo colocaba o 1-0 no marcador, ao que seguiu apenas un intre despois o 2-0, obra dun preciso golpeo exterior de Pau. Comezou así un reparto de golpes no que o Distrito Ventorrillo FS tamén acertou, con Martín convertendo un remate de falta para o 2-1 no 4’, pero no que o protagonista foi a madeira, cuspindo varias oportunidades de ambos cadros.


No reinicio, os coruñeses saíron mellor ao 40x20 que os xogadores de Daniel Ventoso, máis imprecisos co balón e cometendo erros que custaron a remontada do Ventorrillo. No 23’, en acción de saque de esquina, Aarón empataba o partido, e tres minutos despois, Xavi Merelas non desaproveitaba o penalti sinalado polos colexiados e a opción de adiantar aos seus por vez primeira.


O 2-3 espertou ao Filial, que, con corazón e cabeza, buscou decidido a portería rival en procura do empate. Cinco minutos tardou en chegar, a través dun fortísimo lategazo exterior de Álex López. A alegría foi dobre cando, apenas un minuto máis tarde, Dani Prieto facía bo un balón solto na área para darlle a volta ao electrónico de novo no 31’ de encontro.


Acumularon máis botín os noieses xa na recta final co tanto do debutante Mati Bonino, castigando cun roubo o porteiro-xogador visitante para o 5-3. As cousas aínda se poñerían mellor, coa sexta falta e expulsión por dobre amarela do coruñés Xoel. Pau marrou o lanzamento de dez metros, pero Bonino non deixaría escapar o servizo tras recuperación de Lucho, e convertería o 6-3 que encarrilaba o duelo do seu lado, a dous minutos do fin.


No último minuto, o Ventorrillo logrou dous goles potencialmente importantes para o goal-average, por medio de Xavi Merelas, que non evitaron que os tres puntos quedaran en Noia, na cancha do líder (39 puntos, por 33 do Ventorrillo, con 13 vitorias e 2 derrotas) e campión de inverno, un título que tan só ten carácter simbólico, pero que axuda a seguir construíndo o camiño, xa coa metade percorrido, cara o obxectivo.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Álex López, Hugo, Pau (c) e Gandoy. Tamén xogaron Théo (p), Lukas, Mati Bonino, Brais, Dani Prieto, Lucho e Jorge.


Distrito Ventorrillo FS: Óscar (p), Kevin, Xoel, Javi Failde e Javi López. Tamén xogaron Álvaro, Diego, Xavi Merelas, Martín, Matos (c) e Aarón.


Goles: 1-0 Hugo (1’), 2-0 Pau (2’), 2-1 Martín (4’), 2-2 Aarón (22’), 2-3 Xavi Merelas, de penalti (25’), 3-3 Álex López (29’), 4-3 Dani Prieto (30’), 5-3 Mati Bonino (36’), 6-3 Mati Bonino (38’), 6-4 Xavi Merelas, de tiro de dez metros (39’), 6-5 Xavi Merelas (40’).


Os colexiados Adrián García López e Yago Seijas Piñeiro amoestaron polos locais con cartón amarelo a Iván (3’), Jorge (8’), Dani Prieto (25’), Mati Bonino (26’) e Brais (36’). E no equipo visitante, amarelas a Javi Failde (9’), Javi López (29’), Diego (31’), Xavi Merelas (36’) e Xoel (36’ e 37’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 15 da Terceira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page