Un esmagador inicio de segunda metade facilita a 12ª vitoria en 14 partidos dun Filial que rematará o ano á cabeza do seu grupo da Terceira División FS.
Inmellorable conclusión ao ano do Noia Portus Apostoli FS “B”, que certificou a súa 12ª vitoria en 14 partidos nesta Terceira División FS superando con claridade ao Cidade de Narón e mantendo así a súa condición de líder da categoría.
Os tantos de Gandoy e Jorge, ambos tras sendas recuperacións na presión en primeira liña, colocaron ao Filial, superior pero impreciso, con dous goles de vantaxe no descanso. Sería á saída dos vestiarios cando os de David Palmas amarrarían o triunfo. Con catro dianas en catro minutos, obra de Jorge, Brais, Juan Caínzos en propia meta e Hugo, o Filial foi todo un ciclón que, a dezaseis minutos do final, tiña xa practicamente os tres puntos no peto.
Coa entrada do porteiro-xogador e o autogol de Álex López, os locais reduciron diferenzas, pero non sería suficiente para facer tremer a un Portus Apostoli “B” que nos últimos minutos colocaría, cos goles de Brais, Álex López e Pau, o 1-9 definitivo.
O 2023 xa é historia para o Filial noiés, que alcanzará o comezo do novo ano como líder da categoría, pase o que pase nos encontros aprazados que teñen os seus perseguidores. Precisamente recibindo ao máis inmediato, o Distrito Ventorrillo FS, estrearán os brancos o 2024, dentro de algo menos dun mes. Pero antes toca gozar dunhas máis que merecidas vacacións de Nadal, para regresar en xaneiro coas baterías cargadas de cara a todo o que se vén por diante na segunda metade de curso.
Ficha técnica
Cidade de Narón: Fernando Combarro (p), Alejandro Naveira, Lucas González, Diego Vázquez e Brais García. Tamén xogaron Iván Buxía (p), Alejandro Piñón, Luis Sanesteban, Juan Caínzos, Diego Rey e Pablo Cotelo.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Lukas, Brais, Jorge e Gandoy. Tamén xogaron Pau (c), Dani Prieto, Lucho, Hugo e Álex López.
Goles: 0-1 Gandoy (5’), 0-2 Jorge (15’), 0-3 Jorge (22’), 0-4 Brais (22’), 0-5 Juan Caínzos, en propia portería (23’), 0-6 Hugo (23’), 1-6 Álex López, en propia portería (24’), 1-7 Brais (34’), 1-8 Álex López (35’), 1-9 Pau (35’).
Os colexiados Adrián González Paulo e Sergio López Ramudo amoestaron polos locais con cartón amarelo a Agustín Hermida (14’), Pablo Cotelo (14’), o adestrador Abel Cernadas (17’), Juan Caínzos (17’), Luis Sanesteban (32’), Fernando Combarro (35’), Alejandro Naveira (35’), Brais García (38’) e Iván Buxía (38’), ademais dos cartóns vermellos directos a Agustín Hermida (14’) e o delegado Jaime Díaz (tras acabar o partido). Polos visitantes, amarelas a Lukas (32’), Gandoy (37’) e Théo (tras acabar o partido).
Incidencias: partido correspondente á xornada 14 da Terceira División Fútbol Sala, disputado no Pavillón Municipal A Gándara de Narón.
Comments