top of page

CRÓNICA X13 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (SAL 4–3 NPA “B”) | Cruel fin á xeira en Salamanca


Sábado, 07/12/2024 · 13:35h | Un desafortunado gol a dous minutos do final provocou a derrota do Filial no duelo directo en terras charras.


En catro triunfos seguidos quedou a xeira positiva dun Portus Apostoli “B” que claudicou en Salamanca, no que foi un partido igualado e competido de principio a fin e que caeu do lado local por un desgraciado lance a dous minutos do final.


Os noieses colocáronse moi cedo en vantaxe. Transcorreran tan só 31 segundos de partido cando Canario remataba á rede unha acción de estratesia. Noutra xogada a balón parado, e cun chisco de fortuna ao rebotar o seu remate en dous contrarios, Jorge convertía o 0-2, aínda no 5’ de partido.


Os salmantinos fixeron valer a súa forza como locais e déronlle a volta ao marcador antes do receso. Dous tantos en apenas uns instantes nun fatídico minuto 10 desfixeron o gran inicio do Filial, e dous máis tarde chegou o 3-2 cun golpeo desde a banda dereita.


Todo por decidir ata o tramo final


Tras verse por detrás, Guille Murillo solicitou tempo morto e a partir de aí introduciu un porteiro-xogador que se fixo presente practicamente na totalidade do segundo tempo. Precisamente Álvaro, quen vestía a camiseta, reinstaurou a igualada cun disparo fulminante á escadra da portería charra.


Ao momento do 3-3 restaban 17 minutos por xogarse, nos que ambos conxuntos buscaron un tanto que, co correr do reloxo, se facía cada vez máis decisivo. Cando, a dous minutos do final, a igualdade do duelo entre dous equipos que chegaban a esta xornada igualados a case todo na táboa semellaba estar destinada a decretar un reparto de puntos, Koke non acertou a desviar de todo un perigoso disparo do FS Salamanca, e o balón terminou por entrar na súa meta.


Probárono ata o final de cinco os noieses, tamén coa opción de forzar unha sexta falta local, pero o marcador non se moveu máis e deixou a vitoria e a quinta praza clasificatoria en La Alamedilla.


Próximo partido


Último partido do 2024 na casa para o Filial, que recibirá no Agustín Mourís a vindeira fin de semana, en horario aínda por determinar, ao CD Intersala Zamora – Euronics Caja Rural, pola 14ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

FS Salamanca Dehesa Grande: Pablo (p), Diego, Berti, Yayo e Dani Montes. Tamén xogaron Crespo, Dani Martín, Sergio, Juanto, Dalmiro, Barbón e Ángel.


Noia Portus Apostoli FS “B”: Pablo (p), Lucho (c), Teo, Álvaro e Canario. Tamén xogaron Koke (p), Iago López, Jorge, Hugo, Dani Prieto e Oliver Chenel.


Goles: 0-1 Canario (1’), 0-2 Jorge (5’), 1-2 Berti (10’), 2-2 Berti (10’), 3-2 Diego (12’), 3-3 Álvaro (23’), 4-3 Diego (38’)


Os colexiados do comité castelán-leonés Juan Haedo Gago e Adrián Rodríguez Fernández amoestaron polos locais con cartón amarelo a Yayo (21’), Juanto (25’) e Dalmiro (13’). Polos noieses, amarelas a Jorge (17’) e Iago López (19’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 13 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal La Alamedilla de Salamanca.

Comentarios


bottom of page