Sábado, 04/01/2025 · 22:30h · Imaxe: Foto Pichero | Un tanto de Pirata a 34.2 segundos dun caótico final rescata un empate para o Portus Apostoli, que gozou de oportunidades para levar máis do duelo galego.
O primeiro derbi galego do Noia Portus Apostoli FS na elite resolveuse con empate e tivo practicamente de todo. Penaltis, expulsións, gol nos instantes finais... Isto último foi o que permitiu aos noieses rescatar un punto dun duelo a momentos caótico e no que o meta rival Kaluza foi un dos nomes propios.
Aínda non sumaba un minuto o reloxo de Vista Alegre e os brancos xa probaran en dúas ocasións a Kaluza. Motivo de alegría para a desprazada afección noiesa, arredor dun cento de adeptos que animaron sen cesar aos seus, incluso desde antes do inicio do partido, e que puxeron con creces a súa parte da salsa do derbi.
En primeiro plano puideron presenzar, apenas transcorrido o minuto inicial, un discutido penalti de Rubi sobre Rikelme sinalado pola parella arbitral galega. Non desaproveitou o regalo Juninho, que enganou a Schütt para abrir a lata do derbi desde o punto de penalti.
Se o escenario xa se presumía desta maneira, co tanto local o Noia asumiu aínda máis a batuta do partido, obrigado pola súa situación clasificatoria e, ademais, máis capaz que noutras citas, ao contar cunha maior rotación polo regreso de Douglas tras case 3 meses no dique seco e a estrea do incorporado Thierry. Pola súa parte, o Burela limitábase a nadar e gardar a roupa, confiando en que con algunha transición ou acción a balón parado das que dispuxo poderían facer máis dano no marcador, mentres Kaluza abortaba unha e outra vez as constantes intentonas noiesas.
A insistencia foi a máxima dos de David Palmas, e no 18’ tivo recompensa. Actuou Power como pivote ante Isma, do que se zafou con acerto no seu movemento cara adentro para axustizar cun remate ao pau largo. A piques estiveron os brancos de irse con máis botín a vestiarios, pero o cabezazo de Pirata con 3 segundos no electrónico saíu desviado por pouco.
Enredo ao principio e ao final
A segunda parte non empezou moito mellor que a primeira. Tan só pasaran 10 segundos de reinicio cando os colexiados ensinaban a segunda amarela a Rubi. A expulsión do santiagués deixaba aos seus en situación de inferioridade numérica, outro momento clave que o Burela tampouco deixou pasar. Novamente Juninho, que acudiu raudo á área para cazar o rexeite dunha parada de Schütt, sería o encargado de poñer en vantaxe aos seus no 22’.
E, a partir de aí, historia moi semellante: un Portus Apostoli abalanzado sobre a meta rival, con protagonismo das incorporacións de Peixe, e un Burela que metía o medo no corpo de cando en vez coas transicións. Da a á z probouno o Noia, pero non había forma de superar a un Kaluza inmenso entre paus.
Así as cousas, o partido parecía dirixirse a un 2-1 final que a grada laranxa quería empezar a saborear. Ata que unha forte entrada de Araya sobre Thierry custoulle a expulsión por dobre amarela ao chileno, e abriu un raio de luz ao que, mantendo o porteiro-xogador, se agarraron con todas as súas forzas os noieses. No outro bando, agarrábanse a Kaluza. O polaco sacou dúas grandes paradas a sumar para o amplísimo catálogo. Preto estivo de conseguir unha terceira coa cabeza, pero o remate de Pirata a 34,2 segundos do asubío final ía demasiado forte como para evitar que bicara as redes.
Porque ese disparo non só levaba a forza do capitán noiés, senón que tamén ía cargado co ímpetu de todo un equipo e o alento dunha afección enfervorecida ao completo. Todos eles merecen unha vitoria ligueira que, aínda que máis que perseguida, segue sen chegar. Por agora, un punto máis ao casilleiro dun Noia que seguirá 16º con 3 unidades.
Próximo partido
Os blancos afrontan este martes 7 ás 20:45h os oitavos de final da Copa do Rei FS, recibindo no Agustín Mourís ao Wanapix Sala 10.
Ficha técnica
CD Burela FS: Kaluza (p), Araya, Isma (c), Alberto e Rikelme. Tamén xogaron Juninho, Pitero, Malaguti e Charly.
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Diego Fávero, Rubi, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Peixe (p), Power Raggiati, Altamirano, Garrincha, Attos, Álex García, Douglas e Thierry.
Goles: 1-0 Juninho, de penalti (2’), 1-1 Power Raggiati (18’), 2-1 Juninho (22’), 2-2 Pirata (40’).
Os colexiados galegos Javier Menéndez Nistal e Héctor Vilas López amoestaron con cartón amarelo nos bureleses a Alberto (26’), Araya (26’ e 39’) e Malaguti (29’). E nlos noieses, amarelas a Rubi (2’ e 21’), Pirata (33’), Altamirano (35’), Power Raggiati (37’) e Douglas (39’ e 39’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 13 da Primeira División FS, disputado no Municipal Vista Alegre de Burela ante uns 1200 espectadores. Sobre 100 afeccionados noieses presentes nas gradas.
Comentários