top of page

CRÓNICA X13 TERCEIRA (NPA “B” 8-1 GUI) | Recuperando a forma

O Filial retornou á vitoria nun encontro no que foi superior ao seu opoñente de principio a fin, como demostrou no marcador.

(foto: Manuel Lorenzo)

O Noia Portus Apostoli FS “B” puxo fin á xeira negativa de dúas derrotas consecutivas cun contundente triunfo sobre o O Korreo Guitiriz FS, que non puido facer nada ante un cadro noiés entoado desde o primeiro minuto de xogo.


Salvo dúas boas paradas en accións illadas, Iván foi testemuña de luxo dunha primeira metade na que o Filial deixou practicamente sentenciado o encontro. Con moito ritmo e chegadas constantes, os de David Palmas afogaron a un O Korreo Guitiriz FS que encaixou os tantos de Gandoy, no momento e lugar adecuados; Pau, a pase de Lucho nunha rápida transición; Álex López, recollendo unha asistencia atrás do xuvenil Mateo Vázquez; e Brais, este último aproveitando o xogo de cinco dos visitantes, para colocar o 4-0 ao descanso.


Nada mudou na saída de vestiarios, cos brancos superando en todas as facetas ao seu rival. Dani Prieto estrelou un disparo á madeira por segunda vez no encontro antes de que o capitán Pau fixera o seu dobrete cun disparo ca esquerda desde banda. Álex López, cambiando papeis con Gandoy con respecto ao 1-0, anotaba o sexto xa mediado o segundo tempo. Os guitiricenses volveron a tentalo co porteiro-xogador, e aí penalizou o gardameta Théo, que non o dubidou tras atrapar o balón e converteu o sétimo cun axustado e precioso lanzamento desde os seus dominios. Pau, para o seu hat-trick, conseguiu o oitavo tamén tras recuperación no catro para cinco, co Guitiriz atopando a súa única alegría xa no último minuto, co gol de Antón López.


A falta do partido aprazado que teñen Distrito Ventorrillo FS e Ribeira FS da xornada 9, o Filial conta con 33 puntos e recupera os tres de vantaxe sobre os coruñeses no máis alto da táboa, a dous choques de finalizar a primeira volta. O penúltimo e derradeiro do ano será a vindeira fin de semana, coa visita dos noieses ao Cidade de Narón, 10º clasificado.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Lucho, Jorge, Pau (c) e Dani Prieto. Tamén xogaron Théo (p), Lukas, Brais, Hugo, Gandoy, Álex López e Mateo Vázquez.


O Korreo Guitiriz FS: Martín Fernández (p), Adrián Vázquez, Diego Carreira, Xoel Ferreiro e David Vázquez. Tamén xogaron Diego Fernández, Diego López, Asier González (c), Jacobo Seijas e Antón López.


Goles: 1-0 Gandoy (7’), 2-0 Pau (10’), 3-0 Álex López (13’), 4-0 Brais (16’), 5-0 Pau (25’), 6-0 Álex López (33’), 7-0 Théo (36’), 8-0 Pau (38’), 8-1 Antón López (39’).


Os colexiados Adrián Buján Barciela e Alejandro Godar Calvar amoestaron polos locais con tarxeta amarela a Lukas (31’) e Álex López (38’). E polos visitantes, amarelas a Diego Carreira (5’) e Diego Fernández (15’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 13 da Terceira División Fútbol Sala, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

bottom of page