
Luns, 02/12/2024 · 17:45h | O Filial prolonga unha semana máis a súa boa dinámica e aúpase á quinta praza da clasificación ligueira.
O Noia Portus Apostoli FS “B” continúa de doce. Cuarta vitoria consecutiva para os de Guille Murillo, que superaron este domingo ao CD Juventud del Círculo Católico nun encontro protagonizado polo alto número de goles.
A avalancha comezou cedo da man dos visitantes, que colocaron o 0-2 con apenas dous minutos disputados. Os noieses responderon reducindo distancias, primeiro por medio de Hugo e logo de Jaime Pan, tras o terceiro tanto do Juventud.
Izan, desde o punto de dez metros, empatou o marcador a 3 dianas e deu inicio ao mellor momento noiés. Ata tres goles máis chegaron nun espazo de dous minutos, anotados por Brais, en dobre ocasión, e Jorge. Os burgaleses conseguirían minimizar danos no 18’, poñendo o 6-4 co que se resolveu un primeiro tempo sen respiro.
A sangría non parou
Para dar a benvida ao segundo tempo, un novo gol. Fíxoo Jaime Pan para o Filial branco, dando reinicio ao reparto de golpes entre ambos equipos. Do 23’ ao 26’ víronse outras catro dianas máis, dúas noiesas por medio de Hugo e Iago López, que deixaron o marcador nun espectacular 9-6 con aínda 14 minutos por diante.
No 30’, unha moi protestada vermella directa a Brais por suposta man na área provocou que chegara, desde o punto de penalti, o 9-7. Os noieses perderían a un xogador máis pola expulsión de Canario apenas un minuto despois. O Juventud, que xa sufrira unha dobre amarela no primeiro acto, sufriu a segunda no 37’. Aínda que, curiosamente, desa inferioridade naceu a oportunidade de lograr o que sería o oitavo tanto, a través dun tiro de dez metros.
O conxunto visitante probouno de cinco no tramo final, pero o Filial soubo defenderse e amarrou uns moi loitados tres puntos que suman por cuarta xornada consecutiva e que os levanta ata unha gran 5ª praza da táboa.
Próximo partido
Os filialistas xogarán na xornada 13 na pista do FS Salamanca Dehesa Grande o vindeiro venres 6 ás 17:00h.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Pablo (p), Lucho, Jaime Pan, Teo e Canario. Tamén xogaron Koke (p), Gandoy, Álvaro, Brais, Dani Prieto, Hugo, Iago López, Izan e Jorge.
CD Juventud del Círculo Católico: Cremer (p), Pablo, Óscar, Merino e Jesús Preciado. Tamén xogaron Mario (p), Bloas, Diego, Dani Cantón e Samu Alonso.
Goles: 0-1 Pablo (1’), 0-2 Canario, en propia portería (2’), 1-2 Hugo (5’), 1-3 Jesús Preciado (7’), 2-3 Jaime Pan (11’), 3-3 Izan (12’), 4-3 Brais (15’), 5-3 Jorge (17’), 6-3 Brais (17’), 6-4 Samu Alonso (18’), 7-4 Jaime Pan (21’), 7-5 Jesús Preciado (23’), 8-5 Hugo (23’), 8-6 Diego (25’), 9-6 Iago López (26’), 9-7 Jesús Preciado, de penalti (30’), 9-8 Jesús Preciado (37’).
Os colexiados Pablo Coello Martínez e Adrián García López amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Canario (6’ e 31’), Jorge (16’), Jaime Pan (21’), o adestrador Guille Murillo (36’), Hugo (36’) e Izan (37’) e con vermella directa a Brais (30’). E nos burgaleses, amarelas a Merino (7’ e 37’) e Bloas (8’ e 12’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 12 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comentarios