top of page

CRÓNICA X12 TERCEIRA (RIB 3-2 NPA “B”) | Derrota in extremis en Lugo

Ao Filial escápaselle un punto nos segundos finais dun apertado encontro entre cuarto e primeiro clasificado, cuxo resultado comprime máis a zona alta da Terceira División FS.


O Noia Portus Apostoli FS “B” quedouse a segundos de sumar na esixente visita ao Ribeira FS, que inflixiu a segunda derrota consecutiva ao Filial noiés cun gol in extremis que iguala a parte nobre da clasificación.

Saíu con forza o Ribeira FS ao partido, pero a primeira vantaxe caería do lado dos nosos, co tanto de Jorge en acción de balón parado. Os azuis castigaron unha imprecisión noiesa para volver a nivelar o electrónico, co tanto de Fran Pastor no 11’.

A igualdade mantívose durante a maior parte do segundo tempo, ata un tramo final no que se decidiu o choque. Outra perda dos brancos deu pé ao 2-1 de Cisko no 34’, coa consecuente resposta de Palmas de introducir o porteiro-xogador. Non sería coa superioridade numérica, senón cunha boa presión alta como lograría o Filial empatar de novo, por medio de Jorge, que completaba o seu dobrete.

Insistiron os noieses co xogo de cinco, contando con ocasións perigosas que, porén, non chegaron a bo porto. E, cando todo semellaba indicar un reparto de puntos, unha xogada desgraciada provocou o tanto do 3-2 de Christian nos segundos definitivos do encontro, ao que xa non puido reaccionar o Portus Apostoli “B”.

A derrota do Distrito Ventorrillo FS, unida á dos noieses, fai que todo siga igual, con tres puntos de diferenza, entre os dous primeiros, a falta dese partido pendente dos coruñeses. Os grandes beneficiados, un 3º Outeiro de Rei SD que se coloca a 4 puntos dos nosos e un 4º Ribeira FS con 22 pero tamén cun partido menos, precisamente contra o Ventorrillo. Como nota positiva do duelo en Lugo, o debut do xuvenil Mateo Vázquez na súa primeira convocatoria. A vindeira xornada, o Filial recibirá no Mourís ao O Korreo Guitiriz FS.


 
Ficha técnica

Ribeira FS: Carlos Arenas (p), Fran Pastor, Carlos Toimil, David Quintela (c) e Erik. Tamén xogaron Illi (p), Cisko, Rubén Mouriz, Pablo Díaz, Rubén Fernández, Christian e Antón López.

Noia Portus Apostoli FS “B”: Pablo (p) (c), Lucho, Jorge, Brais e Dani Prieto. Tamén xogaron Théo (p), Lukas, Gandoy, Mateo Vázquez, Hugo e Álex López.

Goles: 0-1 Jorge (7’), 1-1 Fran Pastor (11’), 2-1 Cisko (34’), 2-2 Jorge (36’), 3-2 Christian (40’).

Os colexiados Franco Álvaro Campagnoli e Nicolás Villegas Sordo amoestaron polos locais con cartón amarelo a Fran Pastor (24’), David Quintela (27’), Cisko (28’), o adestrador Arcadio (28’) e Illi (38’). E polos visitantes, amarelas a Hugo (18’), Dani Prieto (34’) e o adestrador David Palmas (39’).

Incidencias: partido correspondente á xornada 12 da Terceira División Fútbol Sala, disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Lugo.

bottom of page