
Luns, 02/12/2024 · 17:25h | Os noieses aséntanse no liderado cun importante triunfo ante o cuarto clasificado.
Tres puntos máis preto do soño está o Xuvenil de División de Honra noiés, logo de superar o pasado sábado ao CD InterSala Adarsa Mercedes por 5-1 nun duelo que soubo encauzar na primeira metade.
Dos mellores minutos da temporada realizou o conxunto de Daniel Ventoso nun acto inicial ao que desatou o nó dos goles no minuto 8. Mateo Varela convertiu o 1-0, seguido dous minutos máis tarde polo 2-0 de Iago López.
Os visitantes reengancháronse ao marcador por medio de Alberto Yáñez no 13’, pero os noieses reestabreceron a diferenza inmediatamente, co tanto de Oliver Chenel un minuto máis tarde. Antes do descanso, Gabi completou co 4-1 unha primeira parte fantástica para o Xuvenil branco.
Solidez para pechalo
Ante a clara desvantaxe no electrónico, os salmantinos apostaron polo porteiro-xogador desde practicamente a saída de vestiarios. Aí tocou enfundarse o mono de traballo e defenderse ante as intentonas visitantes.
Os brancos non só fixeron iso con éxito, senon que tamén lograron o quinto gol, novamente de Oliver Chenel, que terminou por decantar o resultado e o partido. Con esta vitoria, son xa 30 de 33 puntos posibles para o líder do Grupo I da Xuvenil División de Honra, que continúa sumando argumentos para o soño da Copa de España.
Próximo partido
Semana de parón competitivo para o Xuvenil noiés, que afrontará un partido clave nas aspiracións copeiras a seguinte fin de semana na pista do O Parrulo Ferrol FS.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Mosquera (p), Sito (c), César, Gabi e Oliver Chenel. Tamén xogaron Lucas (p), Mateo Varela, Álvaro, Miguel Romero, Brais, Iago López, Saúl e Danito.
CD InterSala Adarsa Mercedes: Rubén Domínguez (p), Enzo Jiménez, Manuel Martín, Alejandro García e Sergio Cavero. Tamén xogaron Víctor Martín (p), Carlos Corral, Miguel Ángel Pérez, Juan Sánchez, Álberto Yáñez e Hugo de la Peña.
Goles: 1-0 Mateo Varela (8’), 2-0 Iago López (10’), 2-1 Alberto Yáñez (13’), 3-1 Oliver Chenel (14’), 4-1 Gabi (19’), 5-1 Oliver Chenel (25’).
Os colexiados Brais Comesaña Álvarez e Andrés Pinilla Boullousa amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Oliver Chenel (37’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 11 do Grupo I da Liga Xuvenil División de Honra FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comentarios