top of page

CRÓNICA X11 TERCEIRA (NPA “B” 3-7 OUT) | Primeira derrota da temporada

O Filial viu marchar os primeiros puntos do curso na visita ao Agustín Mourís dun Outeiro de Rei SD máis eficaz e que castigou, especialmente, a balón parado.

(foto: Pichero)

En 10 vitorias consecutivas se freou o espectacular inicio de campaña do Noia Portus Apostoli FS “B”, negado cara o gol na 11ª cita do campionato de Terceira División FS ante un Outeiro de Rei SD que soubo aproveitar as súas ocasións e levarse o partido cun marcador excesivamente avultado para o que foi o encontro.


Cedo comezaron as malas novas para os filialistas, aos que un erro en saída de presión os levou a cometer un penalti por man. Os visitantes non erraron, pero mediado o acto inicial, o equipo de David Palmas xa lle dera a volta ao marcador, cos tantos de Jorge, de penalti, e Gandoy, en conexión con Álex López. Ben mereceron os noieses irse con maior vantaxe ao descanso, con ata tres disparos á madeira entre as numerosas oportunidades que contaron. E, de feito, o marcador camiño ao entretempo iría igualado, co primeiro tanto da tarde do Outeiro en acción de saque de esquina.


Sacaría petróleo desa específica xogada o equipo da provincia de Lugo para acabar levándose os tres puntos, adiantándose de novo no electrónico co 2-3 no 24’ grazas a ese movemento. A partir de aí, aos brancos faltoulle esa profundidade e chispa necesarias para desequilibrar a defensa rochosa que formulou o Outeiro. Nos últimos 4 minutos, Palmas introduciu o porteiro-xogador, pero un novo tanto en acción de esquina dos visitantes, xunto aos dous seguintes en recuperación ante o xogo de cinco e, outro máis, a balón parado, augaron as esperanzas. Pau fixo desde o punto de dez metros o 3-6, cos verdes poñendo o definitivo 3-7 a poucos segundos do final, tras unha perda noiesa.


Na primeira derrota é cando máis cabe valorar o feito ata agora por estes rapaces. Tristeza pola caída, pero desde luns a pensar xa no Ribeira FS, 4º clasificado e outro rival que será moi incómodo, na misión dos noieses de preservar un liderado que manteñen con 3 puntos de diferenza sobre un Distrito Ventorillo FS cun partido menos.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Lucho, Pau (c), Jorge e Dani Prieto. Tamén xogaron Théo (p), Lukas, Brais, Hugo, Gandoy e Álex López.


Outeiro de Rei SD: Antonio López (p), Jose López, Mouriz, Diego (c) e David. Tamén xogaron Brais, Rodrigo, Cobas, Jeray, Mauro e Eduardo.


Goles: 0-1 Diego, de penalti (2’), 1-1 Jorge, de penalti (9’), 2-1 Gandoy (11’), 2-2 Brais (18’), 2-3 Mouriz (24’), 2-4 Diego (38’), 2-5 Cobas (38’), 2-6 Diego (39’), 3-6 Pau (40’), 3-7 David (40’).


Os colexiados Roberto Pérez Giráldez e Alejandro Rodríguez Travieso amoestaron polos locais con cartón amarelo a Gandoy (31’) e Jorge (35’) e polos visitantes a Eduardo (25’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 11 da Terceira División Fútbol Sala, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Commentaires


bottom of page