
Domingo, 17/11/2024 · 19:05h | Segunda vitoria consecutiva do Filial, que demostrou no marcador a súa superioridade na pista.
O Filial conseguiu dar continuidade á vitoria da semana pasada logrando novamente os tres puntos, esta vez na súa visita ao Sibuscascoche Ribeira FS, nun duelo que controlaron e souberon encauzar do seu lado.
Ao igual que ante o ADAMO Xove FS, os noieses tiveron que refacerse. Un tanto en propia meta e outro de Gandoy deron a volta ao inicial do conxunto lucense, que lograría empatar novamente, aínda no 8’, nunha acción de saque de banda coas mans que sorprendeu aos brancos.
Á primeira metade restaríalle por deixar un gol. Ou, mellor dito, golazo. Apenas unhas horas despois de debutar en Primeira en Peñíscola co Primeiro Equipo, Izan anotaba nun disparo de falta inapelable, que poñía xustiza ao que se vía sobre a pista, co Portus Apostoli “B” levando claramente a iniciativa do choque.
Control e sentenza
Os noieses consolidarían a súa vantaxe no minuto 5 do reinicio. Lucho roubou, Koeman asistiu e Jorge axustizou no segundo pau para un 2-4 que daba calma aos seus. Máis tendo en conta que o perigo do tiro de dez metros rival ameazaba, coas cinco faltas figurando no seu marcador.
Porén, Pablo encargouse de que a sexta non se transformara na semente para a esperanza dos locais, que viron nas paradas do meta branco e no gol de Hugo no 34’ a sentenza definitiva ao encontro.
Próximo partido
O Filial branco, 7º con 14 puntos na táboa, volverá a xogar como visitante a vindeira semana, na pista do Racing de Mieres FS o domingo 24 ás 12:00h.
Ficha técnica
Sibuscascoche Ribeira FS: Areñas (p), Mathias, Pablo Díaz, Christian e Jhordan. Tamén xogaron Illi (p), Saúl Luna, Fede, Cisco, Brais Tourón, David Quintela (c), Raúl Castro, Erik García e Antón.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Pablo (p), Lucho (c), Teo, Koeman e Canario. Tamén xogaron Koke (p), Jaime Pan, Izan, Gandoy, Dani Prieto, Hugo e Jorge.
Goles: 1-0 Antón (1’), 1-1 Erik García, en propia portería (4’), 1-2 Gandoy (6’), 2-2 Christian (8’), 2-3 Izan (13’), 2-4 Jorge (25’), 2-5 Hugo (34’).
Os árbitros Ander Orbegozo Cantón e Miguel Jesús Rodríguez Pontanilla amoestaron nos lucenses con tarxeta amarela a Saúl Luna (25’), Illi (26’), Cisco (32’), David Quintela (36’) e Antón (38’). E nos noieses, amarelas a Hugo (11’), Jaime Pan (28’) e Izan (33’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 10 do Grupo I da Segunda División “B” FS, disputado no Municipal de Deportes de Lugo.
תגובות