CRÓNICA X10 SEGUNDA DIVISIÓN “B” FS (ATB 4-6 NPA “B”) | E seguen ao seu
- Departamento prensa Noia PA FS

- Nov 16
- 2 min read

Que visitas a cancha dun gran equipo aspirante ao título de campión? Sen problema. Que o fas plagado de baixas? Non é escusa. Que o rival se pon con dous de vantaxe? Aquí ninguén se rende. E así o Noia Portus Apostoli FS “B” asaltou Benavente e, ademais, a segunda posición da táboa clasificatoria.
A tarde en La Rosaleda empezou ben para o equipo de Chipi, que se adiantou por mediación de Koeman no 4’. Non obstante, o Caja Rural Atlético Benavente FS deulle a volta e colocouse cun favorable 3-1 a dous minutos do descanso. Os que lle chegaron ao Filial para, nunha transición definida por Nico Cuello e unha acción a balón parado que finalizou á rede Brais, volver a nivelar antes do paso por vestiarios.
Calidade e esforzo
Tras o reinicio, o cadro filialista impuxo a súa lei a través da posesión do balón e conseguiu materializar co 3-4, obra de Teo no 23’. Non só coa pelota amosou a súa mellor cara o conxunto branco, senon tamén a nivel competitivo, sostendo as embestidas dun talentoso cadro benaventano, e incluso sacando rédito delas cando os locais introduciron o porteiro-xogador.
En sendas recuperacións, Hugo e Nico Cuello penalizaron o xogo de cinco do Caja Rural para encamiñar a vitoria. Só Corral no último minuto puido reducir distancias, debuxando o 4-6 definitivo que suma 3 puntos máis e 22 en total ao casilleiro dun Portus Apostoli “B” que, cumprido xa un terzo do campionato, continúa buscando o seu teito.
Próximo partido
Os noieses visitarán ao FS Salamanca o sábado 22 ás 17:00h no Pavillón La Alamedilla pola 11ª xornada ligueira.
Ficha técnica
Caja Rural Atlético Benavente FS: Raúl (p), Víctor Montes, Pablito, Guancho e Christian. Tamén xogaron Dani Simón (p), Charlie (c), Folgado, Corral, Sergio Simón, Ángel, Jonás e Unai.
Noia Portus Apostoli FS “B”: Mosquera (p), Hugo (c), Koeman, Teo e Oliver Chenel. Tamén xogaron Koke (p), Mateo Varela, Brais, Cepeda e Nico Cuello.
Goles: 0-1 Koeman (4’), 1-1 Jonás (6’), 2-1 Charlie (13’), 3-1 Guancho (18’), 3-2 Nico Cuello (19’), 3-3 Brais (20’), 3-4 Teo (23’), 3-5 Hugo (37’), 3-6 Nico Cuello (37’), 4-6 Corral (40’).
Os árbitros Rubén Pascual e David Rodríguez, do comité castelán-leonés, amoestaron con tarxeta amarela nos benaventanos a Pablito (2’), Jonás (14’), o adestrador Miguel Ángel Macías (19’) e Víctor Montes (29’). Nos noieses, amarela a Teo (29’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 10 do Grupo 1 da Segunda División “B” FS, disputado no Pavillón La Rosaleda de Benavente.











Comments