top of page

CRÓNICA X10 TERCEIRA (PAZ 2–3 NPA “B”) | Vitoria de prestixio

O Portus Apostoli “B” demostrou solidez e enteireza para superar ao SD Pazos de Borbén FS nun encontro axustado e continuar como líder invicto.


Un novo triunfo, que non un máis, para o Noia Portus Apostoli FS “B”. Os de David Palmas venceron no, ata o momento, reto máis esixente desta Terceira División FS 23/24 a un SD Pazos de Borbén FS que nunca baixou os brazos por un marcador de 2-3, concretando así a 10ª vitoria en 10 partidos.


Saíron á pista os noieses deixando clara a súa condición de líder, dominando o partido coas ocasións máis perigosas. Porén, o gol faríase agardar ata o 16’, cando Brais abría o electrónico a pase de Jorge. Bordeando o descanso e despois de non aproveitar a superioridade xerada pola expulsión do local Jonatan, aumentaba a vantaxe Lukas a servizo de Pau.


Todo pareceu volverse en contra no reinicio, co tanto local que reducía diferenzas a 17 minutos do final e coa expulsión de Hugo, xa nos últimos 10 de partido. Aí tirou de personalidade e carácter o cadro branco, suxeitado tamén nun excepcional Iván entre paus, para manterse por diante ante as acometidas pacenses con porteiro-xogador, e, incluso, xa na recta final, colocar un terceiro tanto, por medio de Gandoy, que tranquilizara as augas. Volveu a poñerse a un o Pazos nos últimos segundos, pero xa sería demasiado tarde para tentar quitarlle puntos aos noieses.


Ninguén o conseguiu aínda, e xa van 10 xornadas así. O Filial prolonga a vantaxe de 6 puntos sobre o Distrito Ventorrillo FS, que ten un partido pendente, con 30 puntos de 30 posibles. A vindeira semana, visita Noia o terceiro clasificado, o Outeiro de Rei SD, na 11ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

SD Pazos de Borbén FS: Marcos González (p), Jonatan, Luis (c), Alfredo e Martín. Tamén xogaron Yago (p), Simón, Sergio, Diego, Pablo, Jony Costas e Xandre.


Noia Portus Apostoli FS “B”: Iván (p), Lucho, Jorge, Pau (c) e Dani Prieto. Tamén xogaron Lukas, Brais, Hugo, Gandoy e Álex López.


Goles: 0-1 Brais (16’), 0-2 Lukas (19’), 1-2 Sergio (23’), 1-3 Gandoy (38’), 2-3 Martín (39’).


Os colexiados Adrián Buján Barciela e Alejandro Godar Calvar amoestaron polos locais con cartón amarelo a Marcos González (4’), Luis Carreira (11’) e Diego Bouzón (39’) e con cartón vermello a Jonatan Fragueiro (17’). Polos visitantes, amarelas a Hugo (15’ e 31’), Pablo (39’) e Lucho (39’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 10 da Terceira División Fútbol Sala, disputado no Municipal de Pazos de Borbén.

bottom of page