top of page

CRÓNICA VII TROFEO PORTUS APOSTOLI – PARTIDO 3 (NPA 4–5 IBP) | O Illes Balears Palma Futsal, campión do VII Trofeo Portus Apostoli


Domingo, 29/09/2024 · 23:45h · Imaxe: Foto Pichero | Os detalles decidiron ao gañador final do triangular, e neles os baleares estiveron lixeiramente máis finos que os noieses.


Estivo moi pretiño o Noia Portus Apostoli FS de volver a facerse co seu torneo de pretemporada. No duelo que decidía o campión entre os dous equipos que gañaran venres e sábado, ao cadro local saíulle cruz nun final tolo ante un Illes Balears Palma Futsal que demostrou, unha vez máis, a súa capacidade para moverse en contextos complexos e terminou levándose o gato á auga.


Cun puntiño máis de intención apareceron no choque os noieses, ante a oportunidade de erguer por terceiro curso seguido o seu trofeo. Os brancos alternaban boas combinacións con saídas ao ataque de Peixe, da partida nesta cita. A lata abriríase nunha acción de saque de esquina, ao igual que venres. Nesta ocasión, foi Power Raggiati o encargado de converter o servizo de David Pazos, rondando xa o minuto 13 de xogo.


Desde a pelota parada atopou tamén o Illes Balears Palma Futsal a vía para o empate e, de paso, quitarse un pouco da incomodidade que sentían desde o pitido inicial, por medio de Mateus Maia no 15’. Tres minutos máis tarde e cun pouco de fortuna, Nil Tent fixo o segundo a pracer, de novo nunha xogada nada a balón parado. Reacción noiesa inmediata, con Montero aproveitando unha pelota solta na área para batir a Barrón e facer o 2-2.


Mención aparte merece a actuación de Koeman, o xuvenil noiés que, tras participar ante o RSC Anderlecht, volveu a ter unha destacada presenza este domingo, e, de novo, deixando bos detalles sobre o parqué que levantaron en varias ocasións os aplausos do público.


Freados pola madeira


O tanto de Rivillos, cun disparo ao pau curto desde fóra da área, avanzou aos baleares de novo. Alentado polos seus, o Portus Apostoli non deixou de crer, e tras estrelarse dúas veces coa madeira e malgastar algunha que outra boa opción, Álex García anotou o 3-3 a catro minutos do final, previo pase de Douglas.


Con cinco faltas en ambos lados e o empate no marcador, a resolución do encontro prometía, e así foi. Primeiro golpeou o Illes Balears Palma Futsal, que por mediación de Bruno Gomes retomaba vantaxe. Algúns na grada aínda se lamentaban do tanto do pívot cando Power restablecía as táboas, cun obús desde a banda esquerda. Rivillos fixo a sexta falta, e Pirata atopouse ante a oportunidade de completar a remontada. Porén, o seu disparo desde o punto de dez metros tornouse no terceiro dos noieses en bicar o pau.


Perdoou o Noia, como fixo o Anderlecht o sábado, e o Illes Balears Palma Futsal non o ía deixar pasar. Unha pérdida noiesa en pleno xogo de cinco foi suficiente para que os palmesanos castigaran, con Fabinho empuxando o balón á rede a 10 segundos do final.


Imagen: Foto Pichero | El Illes Balears Palma Futsal, campeón del VII Trofeo Portus Apostoli.


Fin á altura dun VII Trofeo Portus Apostoli que ofreceu o que prometía: un espectáculo de fútbol sala ao máis alto nivel. Ao que raiou un Noia Portus Apostoli FS que, a pesar de non quedarse co campionato, pode estar ben contento e orgulloso co seu despregue durante unha fin de semana na que a súa afección puido comprobar en primeira persoa, e a dúas semanas de empezar a Liga, que a maquinaria segue progresando no bo camiño.


Próximo partido


Os noieses poñerán punto e final á pretemporada o vindeiro sábado, cando visitarán nun último duro test ao SC Braga.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Power Raggiati, Álex García, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Schütt (p), Montero, Garrincha, Diego Fávero, Douglas, Koeman e Rubi.


Illes Balears Palma Futsal: Barrón (p) (c), Piqueras, Fabinho, Rivillos e Bruno Gomes. Tamén xogaron David Peña, Thierry, Ernesto, Nil Tent, Marcelo e Mateus Maia.


Goles: 1-0 Power Raggiati (13’), 1-1 Mateus Maia (15’), 1-2 Nil Tent (18’), 2-2 Montero (18’), 2-3 Rivillos (25’), 3-3 Álex García (36’), 3-4 Bruno Gomes (38’), 4-4 Power Raggiati (39’), 4-5 Fabinho (40’).


Os colexiados Roberto Amor Vizoso e Borja Darriba Villamor amoestaron polos noieses con cartón amarelo a Douglas (34’) e Power Raggiati (36’). E polos baleares, viron a amarela Fabinho (28’), Bruno Gomes (33’) e Rivillos (40’).


Incidencias: partido correspondente á terceira e definitiva xornada do VII Trofeo Portus Apostoli, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comentarios


bottom of page