Venres, 27/09/2024 · 23:45h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses prevaleceron nun duelo competido e tenso, o primeiro da 24/25 no Agustín Mourís, e toman vantaxe no VII Trofeo Portus Apostoli.
Noia Portus Apostoli FS e RSC Anderlecht abriron o VII Trofeo Portus Apostoli cun partido protagonizado pola alta intensidade, os goles e os cartóns, que caeu do lado dun Noia que o buscou con máis intención e acerto no cómputo global.
O partido comezou cunha mala nova no bando noiés, pola lesión de Altamirano sen aínda cumprir o primeiro minuto. O arxentino non puido reincorporarse ao encontro. Non todo ía a ser negativo para un Noia que demostrou solidez e seguridade co balón, nunha gran primeira metade que tivo o seu punto álxido no minuto 5. En apenas cuestión de segundos, os brancos colocáronse cun 2-0, goles obra de Rubi, nun córner, e Garrincha, nunha boa acción individual. Ademais, o xuvenil Koeman realizou o seu debut co Primeiro Equipo, demostrando maneiras no parqué.
A dous minutos do camiño a vestiarios, os colexiados indicaron un penalti de Pirata, nunha acción quizáis insuficiente para ser sinalada, tendo en conta a gran intensidade e o contacto que permitiran anteriormente. Gréllo non perdoou e puxo o 2-1 co que se chegou ao descanso.
De todo na segunda parte
Cainan igualou para os belgas pouco después do reinicio, abrindo un oco a que os seus cambiaran a dinámica do partido. Dun plumazo encargouse Rubi de nublar esa posibilidade, cun auténtico golazo, unha volea que rozou a perfección, imparable para calquera gardameta, que reposicionou ao seu equipo por diante. Coa expulsión por vermella directa de Saura, o Portus Apostoli atopou a vía para sumar outro tanto, obra de Diego Fávero, de novo letal co seu golpeo de lonxe.
Pirata dispuxo da opción ideal para anotar o quinto, un lanzamento de penalti. Porén, o meta belga Cardoen leu as súas intencións e repeleu o seu disparo. E, como se dun doble castigo se tratara, Garrincha viu a vermella directa acto seguido, deixando aos seus cun menos. Os morados fixeron boa a superioridade numérica co gol de Darlan, nunha acción na que os noieses pediron falta sobre Pazos.
A temperatura non parou de aumentar, e chegou a un dos seus puntos máis altos coa expulsión por doble amarela a Edu tras enzarzarse con Power, quen tamén foi amoestado. Álex García convertiu o quinto tanto noiés nesta superioridade, antes de alcanzar outro momento de gran tensión en pista, coa expulsión a Dillien, a terceira dun xogador belga e cuarta en xeral, ás que hai que engadir a do técnico do Anderlecht, Luca Cragnaz.
Coas augas máis calmas, o Noia contou cunha gran ocasión de Douglas, quen xa se estrelara co pau anteriormente, para pechar o encontro, pero o seu intento perdeuse lonxe da portería. Gréllo vestiuse de porteiro-xogador, e o Anderlecht engadiu picante aos últimos segundos coa diana de Darlan. Cos morados volcados, estivo fino Power, a colaboración dun gran servizo de Diego Fávero, para anotar o 6-4 definitivo na xogada seguinte.
Próximo partido
Os noieses veranse as caras co Illes Balears Palma Futsal o domingo 29 ás 18:30h, nun partido que pechará o VII Trofeo Portus Apostoli.
Antes, o sábado 27, enfrontaranse baleares e belgas ás 18:30h.
Entradas dispoñibles en noiafs.compralaentrada.com/eventos.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Power Raggiati, Altamirano, Álex García e Pirata (c). Tamén xogaron Peixe (p), Montero, Garrincha, Diego Fávero, Douglas, David Pazos, Koeman e Rubi.
RSC Anderlecht: Cardoen (p), Edu, Dillien, Gréllo (c) e Darlan. Tamén xogaron Rangel, Saura, Raúl Jiménez, Cainan e Perin.
Goles: 1-0 Rubi (5’), 2-0 Garrincha (5’), 2-1 Gréllo, de penalti (18’), 2-2 Cainan (22’), 3-2 Rubi (25’), 4-2 Diego Fávero (28’), 4-3 Darlan (31’), 5-3 Álex García (36’), 5-4 Darlan (40’), 6-4 Power Raggiati (40’).
Os colexiados Adrián Figueroa Veiga e Daniel López López amoestaron con cartón amarelo poos noieses a Koeman (13’), Diego Fávero (15’), Pirata (18’) e Power Raggiati (34’). Viu a vermella directa Garrincha (31’). Nos belgas, amarelas a Cainan (7’), Edu (9’ e 34’), Darlan (23’), Cardoen (34’) e Dillien (?’ e 36’). Viron a vermella directa Saura (28’) e o adestrador Luca Cragnaz.
Incidencias: partido correspondente á 1ª xornada do VII Trofeo Portus Apostoli, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
コメント