CRÓNICA SEMIFINAIS IX TROFEO PORTUS APOSTOLI | Noieses e baleares, á final
- 2 minutes ago
- 3 min read

Noia Portus Apostoli FS e Illes Balears Palma Futsal disputaranse este sábado 22 ás 20:45h o IX Trofeo Portus Apostoli. Ambos conxuntos foron os gañadores nas semifinais do venres, no caso dos noieses ante a Selección Nacional de Indonesia (5-2).
Os de David Palmas, que estreaban dúas das equipacións para a nova temporada, encarrilaron cedo a contenda. No minuto 1 Charly abriu a lata, e no 2’ Biel dobrou a vantaxe dos seus. Tivo Dani Colón nas súas botas a opción do terceiro, pero o seu disparo chocou coa madeira.
Os Garuda foron a máis co paso dos minutos e crearon certo perigo sobre a meta de Di Fanti, seguro na súa estrea no Mourís. Nunha acción a balón parado, a mellor das armas dos indonesios, Ardiansyah topou co pau.

Xa no tramo final do primeiro acto, o Portus Apostoli logrou o terceiro tanto, froito dunha exquisita acción entre Rubi, quen volvía a xogar tras a lesión sufrida na pasada final de Copa Galicia FS, e David Pazos, finalizada polo capitán ao fondo das mallas.
Ao mando
Control total noiés na segunda metade, exemplificado na diana do 4-0. Unha larguísima combinación colectiva culminada, de novo, por David Pazos ao 26’ de partido. O dominio local provocaba a desesperación asiática, como reflectiu a expulsión por dobre amarela practicamente seguidas de Yogi Saputra.
De belísima factura colectiva naceu tamén o quinto do Noia, esta vez conseguido por Koeman a pase de Rubi. Segundos despois, o conxunto indonesio lograría inaugurar a súa conta, cun remate de Samuel Eko que bateu a Cristian. O portero do Filial disputou os últimos minutos do choque en sustitución de Di Fanti. Xa no último minuto, Ardiansyah converteu o segundo dos seus.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Di Fanti (p), Mykytiuk, Thierry, Charly e Biel. Tamén xogaron Cristian (p), Montero, Altamirano, Macedo, Koeman, Juampi Cuello, David Pazos (c), Dani Colón e Rubi.
Selección Nacional de Indonesia: Habiebie (p), Rizki Xavier, Brian Ick, Firman Adriansyah e Gunawan. Tamén xogaron Iqbal (c), Kareth, Samuel Eko, Syauqi Saud, Ardiansyah Nur, Rio Pangestu, Sanjaya, Ronald Bonay, Yogi Saputra e Romi Humandri.
Goles: 1-0 Charly (1’), 2-0 Biel (2’), 3-0 David Pazos (18’), 4-0 David Pazos (26’), 5-0 Koeman (34’), 5-1 Samuel Eko (35’), 5-2 Firman Ardiansyah (40’).
Os árbitros Javier Menéndez Nistal e Roberto Segundo Amor Vizoso amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a David Pazos (36’). Nos indonesios, amarelas a Ronald Bonay (27’) e Yogi Saputra (28’ e 28’).
Incidencias: partido correspondente á segunda semifinal do IX Trofeo Portus Apostoli, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Os baleares, rival na final

O equipo de Antonio Vadillo selou o pase ao partido do sábado ás 20:45h na apertura deste IX Trofeo Portus Apostoli. Fabinho colocou o 0-1 no minuto 10, ao que respondeu O Parrulo Ferrol FS sobre a bucina do descanso co 1-1 de Diogo, aproveitando a superioridade numérica pola expulsión de Lucão.
O Illes Balears retomou a dianteira nada máis saír de vestiarios, grazas ao tanto de Machado ao segundo pau no 21’. Os palmesanos apretaban sobre o marco de Caio César en busca do terceiro, aínda que antes chegou un novo empate ferrolán, xentileza de Rubén Orzáez, facendo bo un despiste defensivo rival. Porén, a alegría parrula foi efímera, xa que pouco despois Rikelme anotaba en propia meta o 2-3. A pesar dos intentos finais dos de Gerard Casas con porteiro-xogador, o marcador sería definitivo nun encontro de alternativas e intensidade que o público noiés recoñeceu cunha ovación a ambos equipos ao seu término.
Ficha técnica
O Parrulo Ferrol FS: Caio César (p), Rubén Orzáez (c), Quelle, Novoa e Yan Matheus. Tamén xogaron Omar Alshatti, Lucas Farias, Rikelme, Diogo, Jhoy, Turbi e Brayan.
Illes Balears Palma Futsal: Barrón (p) (c), Deivão, Machado, Ernesto e Fabinho. Tamén xogaron Dennis (p), David Peña, Charuto, Júlio Zanotto, Lucão, Rodrigo, Carlos Gómez, Piqueras e Alisson.
Goles: 0-1 Fabinho (10’), 1-1 Diogo (20’), 1-2 Machado (21’), 2-2 Rubén Orzáez (23’), 2-3 Rikelme, en propia portería (25’).
Os árbitros Borja Darriba Villamor e Rubén Ferrero Carballal amoestaron con tarxeta amarela nos ferroláns a Diogo (29’). Nos baleares, amarelas a Lucão (17’ e 19’) e Ernesto (29’).
Incidencias: partido correspondente á primeira semifinal do IX Trofeo Portus Apostoli, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Así queda o sábado
-Terceiro e cuarto posto · O Parrulo Ferrol FS vs Sel. Nac. de Indonesia · 18:15h
-Final · Noia Portus Apostoli FS vs Illes Balears Palma Futsal · 20:45h





Comments