top of page

CRÓNICA FINAL XXXIV COPA GALICIA FS (PAR 3–2 NPA) | Derrota na final de Pontevedra

  • 6 days ago
  • 4 min read
Mércores, 01/04/2026 · 23:30h · Imaxe: Foto Pichero | A falta de puntería priva aos noieses de conquistar a quinta Copa Galicia FS consecutiva.
Mércores, 01/04/2026 · 23:30h · Imaxe: Foto Pichero | A falta de puntería priva aos noieses de conquistar a quinta Copa Galicia FS consecutiva.

Non puido ser. O Noia Portus Apostoli FS quedou ás portas da quinta Copa Galicia FS consecutiva. O seu gran partido, sobre todo nunha segunda metade que foi acoso e derribo constante, non foi suficiente. Pesou máis o pouco acerto, demasiada rémora no intento de remontada da vantaxe coa que se colocaran os, ao cabo, novos campións, O Parrulo Ferrol FS (3-2).


A final prometíase igualada. Non en balde, só un punto separa a ambos na Primeira División FS. E así foi no seu comezo. Novoa puido adiantar cedo aos seus, nun man a man que abortou Peixe. No outro lado da pista, Thierry esixiu ao máximo a Caio César cun axustado disparo exterior. Motivos para gozar nas gradas dun Municipal dos Deportes de Pontevedra con considerable representación de cada afección.


Co paso dos minutos e o primeiro reparto de golpes dado, o Portus Apostoli semellaba gañar peso e protagonismo no partido. Biel e Altamirano dispuxeron de dúas oportunidades perigosas zafadas polo meta rival, e Thierry quedou a nada de rematar un servizo á área de Ismael que era medio gol. E nese momento, cando mellor estaba o Noia, golpeou O Parrulo en acción de estratexia de banda. No segundo pau estaba listo Diogo para abrir a lata da final. E case sen tiempo para reaccionar, os colexiados sinalaban penalti por man de Ismael, que convertía o propio Diogo. Detalles que decantan finais.


Unha primeira parte na que non saíu nada | Imaxe: Foto Pichero
Unha primeira parte na que non saíu nada | Imaxe: Foto Pichero

Había que reaccionar, e canto antes mellor. A iso se puxo o cadro noiés, monopolizador do balón coas incorporacións de Peixe e o desequilibrio dos Macedo, Altamirano ou o retornado á acción David Pazos. Nas botas de Montero estivo a máis clara para reducir diferenzas, nun toque case sobre a liña de gol que, incriblemente, non entrou. Peixe tamén tivo que intervir no seu marco, con dúas boas paradas que evitaron que os ferroláns se foran no marcador.


Só faltou acerto


O gol que tanto se resistiu na primeira madrugou na segunda metade. Macedo fixo das súas en banda e cedeu o coiro a Biel, que de maneira maxistral superou a Caio César para o 2-1. A alegría noiesa durou un suspiro. A continuación, Malaguti anotou o terceiro dos parrulos. Outro golpe duro para os noieses.


Pero renderse non era unha opción. Os 17 minutos restantes consistiron nun ataque tras outro do Portus Apostoli. Disparos de Pazos, Douglas, Altamirano, Peixe. Ou se ían por pouco o aparecía un Caio César fundamental para os departamentais na portería. Insistir, insistir e insistir. Con ese mantra chegou o tan buscado segundo gol noiés, obra de Churrasco ao cazar un balón solto dun remate previo seu no 28’ de xogo.


A cousa non mudou. Os de granate e azul atacaban sen cesar, e os de branco defendíanse como podían do aluvión. O goteo era constante, salvo unha chegada de Novoa ben pechada por Peixe. A tres minutos do final, David Palmas introduciu o porteiro-xogador, primeiro con Thierry e logo con Biel. A historia, a mesma. Incluído o desenlace. A piques estivo Ismael de forzar a prórroga cun disparo que se foi lambendo o pau. Aínda que a mejor estivo entre Thierry e Biel, xa co crono contando só segundos, na que a pelota se paseou moi preto da porta rival sen que ningún dos dous lograra desviala para dentro.


A defensa parrula levou a palma | Imaxe: Foto Pichero
A defensa parrula levou a palma | Imaxe: Foto Pichero

O bucinazo definitivo puxo fin á loita dun Noia Portus Apostoli FS que se baleirou por completo e, por ende, á xeira de catro títulos consecutivos no torneo autonómico. Entre as bágoas da derrota e a frustración de como se produciu, aflora un sentimento de valoración do conseguido. Do bo vivido coa nosa xente. Da historia realizada nestes anteriores catro anos. E o que queda, seguro. Porque nuns meses o camiño da Copa Galicia FS volverá a reiniciarse, e aí estará o Noia para reclamar o trono perdido.


Orgullosos tamén na derrota | Imaxe: Foto Pichero
Orgullosos tamén na derrota | Imaxe: Foto Pichero

Próximo partido


Os brancos visitan este sábado 4 ás 16:30h ao Barça no Palau Blaugrana pola 24ª xornada ligueira.



Ficha técnica

O Parrulo Ferrol FS: Caio César (p), Diogo, Jhoy, Novoa e Malaguti. Tamén xogaron Orzáez, Vukmir, Penezio, Santa Cruz, Iván Rumbo (c) e Morgato.


Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Churrasco, Thierry, Altamirano e Ismael. Tamén xogaron Montero, Macedo, Diego, Biel, Douglas, David Pazos (c) e Rubi.


Goles: 1-0 Diogo (11’), 2-0 Diogo, de penalti (13’), 2-1 Biel (22’), 3-1 Malaguti (23’), 3-2 Churrasco (28’).


Os árbitros Borja Darriba Villamor e Rubén Ferrero Carballal amoestaron con tarxeta amarela nos ferroláns a Rubén Orzáez (36’) e Novoa (37’). Nos noieses, amarelas a Ismael (13’) e Douglas (20’).


Incidencias: partido correspondente á final da XXXIV Copa Galicia FS, disputada no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante uns 1500 espectadores, con máis de medio millar de afeccionados noieses desprazados.

Comments


bottom of page