Martes, 26/11/2024 · 23:45h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Portus Apostoli quítase un peso de enriba cunha vitoria copeira en Paterna que vale moito máis que iso.
O Noia Portus Apostoli FS saiu de Paterna co que buscaba: un golpe de moral e confianza amarrado ao billete aos oitavos de final da Copa do Rei FS, froito dunha contundente vitoria sobre o Levante UD FS.
Un pouco de todo sucedeu nunha primeira metade tola, que comezou con Rochina adiantando aos granotas no 2’. Os noieses déronlle rápido a volta ao marcador, cos tantos de David Pazos e Pirata. O do amesán rompía unha seca de 183 minutos sen marcar do Portus Apostoli, desde que o propio Pazos anotara en Pamplona.
Os brancos, para a cita vestidos de amarelo, gozaron de chegadas para aumentar diferenzas, pero, nun minuto 13 para esquecer, os granotas volveron a poñerse por diante. Primeiro empatou Pedro Toro desde o punto de penalti, e acto seguido Pedrito Navajas colocaba o 3-2 nunha rápida acción.
Nun momento no que podían xurdir as dúbidas, apareceu ao rescate o “benxamín” da convocatoria. Koeman recibiu de Garrincha, recortou con toda a tranquilidade do mundo ante o seu par e, coa dereita, a súa perna menos hábil, bateu ao meta opoñente. Un gol para lembrar por partida dobre: é o seu primeiro co Primeiro Equipo, sendo o máis mozo en lograr perforar a rede rival coa camiseta noiesa. A mellor celebración posible para a recente e histórica convocatoria coa Selección Española Sub-19.
O Levante ameazou con empatar de novo explotando a acumulación de seis faltas dos de David Palmas, pero Schütt evitouno detendo o tiro de dez metros de Pedro Toro. E aí puxo a directa o Noia, cos goles de Matheus Preá e Pirata antes do descanso que colocaban unha suculenta vantaxe de dous goles.
Sentenza no reinicio
Con un par de tantos máis en apenas catro minutos do reinicio, David Pazos pechaba o seu hat-trick particular e, practicamente, decidía o encontro con moita antelación. Puido engadir algunha diana máis o Portus Apostoli, que se adicou no tramo final a dosificar en boa medida ás súas pezas, pero tamén o Levante, ao que llo negou un gran Iván entre paus con certas intervencións de mérito.
Así, os minutos transcorreron ata o bucinazo final. Con el, un peso de enriba que se esfuma para o Noia Portus Apostoli FS, produto dunha máis que merecida vitoria con desatado acerto goleador que, agardan, lles sirva como un necesario propulso de cara á Liga.
Próximo partido
O cadro noiés recibirá este sábado 30 de novembro ás 16:00h no Agustín Mourís ao Córdoba Patrimonio de la Humanidad, pola xornada 9 de Primeira División FS.
Ficha técnica
Levante UD FS: J. Iglesias (p), Rochina (c), Pablo, Benages e Pedro Toro. Tamén xogaron Charly Sánchez, Nacho Parreño, Cayetano, Toni, Pedrito Navajas, Antón, Alberto Parreño e Manu.
Noia Portus Apostoli FS: Iván (p), Power Raggiati, David Pazos, Álex García e Rufino. Tamén xogaron Schütt (p), Montero, Garrincha, Attos, Pirata (c), David Pazos, Matheus Preá, Koeman e Rubi.
Goles: 1-0 Rochina (2’), 1-1 David Pazos (3’), 1-2 Pirata (6’), 2-2 Pedro Toro, de penalti (13’), 3-2 Pedrito Navajas (13’), 3-3 Koeman (14’), 3-4 Matheus Preá (17’), 3-5 Pirata (18’), 3-6 David Pazos (23’), 3-7 David Pazos (24’).
Os colexiados do comité aragonés Fernando Faubell Zaldívar e José Lázaro Angulo amoestaron polos granotas con amarela a Pablo (12’). Nos noieses, amarela a Matheus Preá (13’).
Incidencias: partido correspondente á 4ª eliminatoria da Copa do Rei FS, disputado no Municipal de Paterna ante uns 200 espectadores.
Comments