CRÓNICA VIII TROFEO PORTUS APOSTOLI (NPA 3–2 IBP) | O Trofeo queda na casa!
- Departamento prensa Noia PA FS

- Aug 30
- 3 min read
Updated: Aug 30

O Noia Portus Apostoli FS pecha a pretemporada erguendo o seu trofeo de verán tras superar ao Illes Balears Palma Futsal. Mellor maneira imposible de encarar unha nova temporada que arranca en apenas oito días en Manzanares.
A contenda comezou de forma vibrante. Ambos equipos achegábanse con perigosidade á meta rival. Quizais cun punto máis de mordente o Illes Balears, que probou a madeira nunha ocasión. Pero a puntería atopouna antes o equipo de David Palmas cunha xogada de escándalo de Altamirano. O arxentino iniciou na súa área e terminou na outra cun remate axustado que valía o 1-0.
O Illes Balears Palma Futsal pretendía levar o peso do partido, pechando por momentos a un Noia moi ben protexido con Schütt entre paus. Non obstante, os locais tamén contaban con oportunidades de importancia, a máis destacada un man a man de Leozin ao que achicou o xusto Luan Müller.
Cercando o último minuto do primeiro acto, os colexiados viron man de Montero (aínda que, realmente, foi de Macedo) na área e sinalaron penalti. Fabinho sorteou a Schütt e igualou o partido por tan só un puñado de segundos, xa que do saque de centro naceu o 2-1. Xogada ensaiada do Noia que finalizou á perfección Ismael para volver a poñer en vantaxe aos seus.

Imaxe: Foto Pichero
Mostra de carácter
Aos catro minutos do reinicio, os noieses sacaron rédito dunha das súas principais armas, as incorporacións de Peixe. Un remate do meta brasileiro, que xogou a segunda metade, rebotou nas costas de David Peña e colleu camiño a portería para converterse no 3-1. Tres minutos despois, Charuto reduciu diferenzas e o Palma Futsal seguiu insistindo en busca do empate.
Aí tocoulle ao Noia sacar unha cara que, ata o momento, non tivera que amosar. A do carácter, a de saber competir e sufrir. E é que diante estaba o tricampión de Europa, el bicampión mundial, e na grada vían o partido David Pazos e Rubi, baixas xunto a Thierry. Unha situación que podemos acusar de normal.
Tamén tivo os seus momentos o Noia para volver a abrir distancias e decantar o encontro. Por h ou por b, nin Biel, nin Diego, nin Leozin acertaron nos seus claros achegamentos. Mentres, o conxunto palmesano metía miedo cun disparo ao pau de David Peña ou outros perigosos lanzamentos detidos por Peixe. Ata Mateus Maia se vestiu de porteiro-xogador. Movementos que fixeron tremer, pero nunca caer a unha resistencia noiesa que valeu o triunfo nun VIII Trofeo Portus Apostoli que queda na casa e, o máis importante, a satisfacción dun Mourís que ve ao seu equipo polo bo camiño. Agora, a refrendalo no que vale.

Imaxe: Foto Pichero
Próximo partido
O seguinte xa é competición. Empeza a Liga para o Portus Apostoli o vindeiro sábado 6 de setembro ás 16:00h na pista do Quesos El Hidalgo Manzanares FS.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Churrasco, Macedo, Douglas e Biel. Tamén xogaron Peixe (p), Montero, Koeman, Altamirano (c), Leozin, Ismael, Diego Fávero e Varsalona.
Illes Balears Palma Futsal: Carlos Barrón (p) (c), Ernesto, David Peña, Fabinho e Charuto. Tamén xogaron Luan Müller (p), Lin, Rivillos, Lucão, Deivão, Mateus Maia e Alisson.
Goles: 1-0 Altamirano (6’), 1-1 Fabinho, de penalti (19’), 2-1 Ismael (19’), 3-1 David Peña, en propia portería (24’), 3-2 Charuto (27’).
Os árbitros Borja Darriba Villamor e Javier Menéndez Nistal amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Montero (19’) e Douglas (21’). E nos baleares, amarelas a Rivillos (4’), Mateus Maia (10’) e Barrón (31’).
Incidencias: partido amistoso correspondente ao VIII Trofeo Portus Apostoli, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 550 espectadores.











Comments