top of page

CRÓNICA X8 LIGA PRIME FUTSAL – TORNEO APERTURA (NPA 2–6 IBP) | Cae, pero con mil honras

13 hours ago
3 min read
Sábado, 07/11/2026 · 23:18h · Imaxe: Foto Pichero | Un Portus Apostoli baixo mínimos vendeu cara a súa pel ante o líder invicto do campionato, que non as tivo todas consigo ata o último minuto.
Sábado, 07/11/2026 · 23:18h · Imaxe: Foto Pichero | Un Portus Apostoli baixo mínimos vendeu cara a súa pel ante o líder invicto do campionato, que non as tivo todas consigo ata o último minuto.

Con máis xogadores do Primeiro Equipo ausentes que dispoñibles e recibindo ao autoritario líder da categoría, a misión era practicamente imposible. Pero, durante moitos minutos, o tesón e sacrificio do Noia Portus Apostoli FS fixeron crer a unha afición que, a pesar do moi avultado resultado (2-6) e encaixar a terceira derrota seguida, marchou plenamente orgullosa dos seus.


Ante o contexto extremo, a folla de ruta establecida por David Palmas e o seu corpo técnico comezaba pola fiabilidade defensiva. Dito e feito. Desde o inicio, o seu equipo atouse os machos e dificultou ao máximo o avance do potente arsenal ofensivo balear. Case facendo esquecer as baixas, practicamente ignorando as molestias dalgúns dos que participaron, desdeñando os parches colocados para cadrar posicións. E na banda, ata seis rapaces, contando dous gardametas, do Filial e/ou Xuvenil DH. Aprobou con nota unha vez máis Oliver Chenel, uníndose á roda como se nada.


Nin un balón por perdido | Imaxe: Foto Pichero
Nin un balón por perdido | Imaxe: Foto Pichero

Porén, no minuto 7 os de Antonio Vadillo conseguiron desbaratar a resistencia por medio de Deivão, que superou a Di Fanti tras recibir un pase de David Peña. Non había tiempo para lamentarse e, coa desvantaxe, os brancos demostraron que tamén podían ter a pelota. Ocasións de Biel, Rubi e Dani Colón colocaron o ‘ui’ nas gradas. O tanto do empate non chegou e si máis dos visitantes, de maneira cruel para o esforzo noiés. Primeiro, polo 0-2 de Deivão ao recoller un balón solto na área; e, segundo, polo desvío involuntario de Dani Colón cara as súas mallas que supuxo o 0-3, con algo máis dun minuto no crono.


Reacción de bandeira


A entrada de Koeman como porteiro-xogador nada máis empezar a segunda metade era unha mensaxe clara: este Noia no se vai render. E a boa saída tivo recompensa. Primeiro cun recorte que sentou ao seu defensor e logo cun remate preciso ao pau largo, Rubi fixo o 1-2, demostrando que aos seus case 39 anos segue sendo como os bos viños.


O primeiro paso xa estaba dado, pero os noieses querían máis. Aínda que o ímpetu a piques estivo de frearse en seco, xa que os palmesanos rozaron o cuarto. Negoullo Di Fanti, atentísimo desde o chan, a Rodrigo Monteiro. Da mesma forma, na otra punta da pista, estivo alerta Dani Colón para facer bo o rexeite dun disparo propio e converter o 2-3 con oito minutos por diante.


Colón fixo o segundo | Imaxe: Foto Pichero
Colón fixo o segundo | Imaxe: Foto Pichero

Estalou o Mourís, que empezaba a albergar esperanzas de vivir unha nova tolemia. E o seu equipo, que subiu aínda un puntiño máis o despregamento físico, engadiu motivos. Tívoa primeiro Montero, cun disparo de zurda que repeleu Dennis. Pouco despois, un despexe do ex noiés Machado deixou a Rubi coa mel nos beizos de rematar a pracer un envío de Koeman, que se inventou un desborde por banda vestido novamente de porteiro-xogador.


Aí puido chegar o empate, a tolemia. Pero o destino final desta emocionante loita foi a derrota. Unha demasiado esaxerada no marcador para o que foi o partido. O prezo de ter diante a un rival en racha e de extraordinaria altura, que a semana que vén disputará a Intercontinental como subcampión de Europa, e que só deixou de titubear ante os irreverentes noieses cos goles finales de Ernesto, por partida dobre, e Dennis. O enorme traballo non tivo premio en forma de puntos. Pero si nun sincero aplauso e recoñecemento dunha afección identificada cos seus.


Tras este encontro, á espera do resto da xornada 8, os noieses ocupan a 11ª praza con 7 puntos.


Próximo partido


Semana sen partido a seguinte para os noieses, que regresarán á competición o sábado 21 ás 13:00h na pista do Viña Albali Valdepeñas, pola 9ª xornada do Apertura da Liga Prime Futsal.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Di Fanti (p), Rubi (c), Thierry, Biel e Dani Colón. Tamén xogaron Montero, Macedo, Koeman e Oliver Chenel.


Illes Balears Palma Futsal: Dennis (p), Piqueras, Machado, Deivão e Ernesto. Tamén xogaron David Peña, Charuto, Júlio Zanotto, Lucão, Rodrigo, Carlos Gómez, Nunes e Alisson.


Goles: 0-1 Deivão (7’), 0-2 Deivão (18’), 0-3 Dani Colón, en propia portería (19’), 1-3 Rubi (24’), 2-3 Dani Colón (32’), 2-4 Ernesto (38’), 2-5 Ernesto (40’), 2-6 Dennis (40’).


Os árbitros Jesús Cordero Gallardo e Pedro Carrillo Arroyo, do comité andaluz, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Dani Colón (20’) e Montero (40’). Nos baleares, amarelas a Nunes (30’) e Lucão (33’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 8 do Torneo Apertura da Liga Prime Futsal, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 850 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria do futbolista recentemente falecido, Jesús de Miguel Alameda.

Comments


bottom of page