CRÓNICA FINAL e 3º E 4º POSTO IX TROFEO PORTUS APOSTOLI | Illes Balears Palma Futsal proclámase campión
- 58 minutes ago
- 3 min read

O Illes Balears Palma Futsal levou a copa de campión do IX Trofeo Portus Apostoli, despois de vencer de maneira ampla no marcador (2-9) na final a un Noia Portus Apostoli FS que non puido consolidar o seu plan de partido en practicamente ningún momento.
Saíu mellor ao envite o Illes Balears Palma Futsal, aínda que a primeira clara tívoa Mykytiuk. O ucraíno desviou demasiado o seu remate ante Barrón. Totalmente ao contrario que Biel, con toda a sangue fría do mundo para picala ante o meta rival, despois dunha xogada persoal espectacular.
Porén, o tanto non serviu para revitalizar en demasía ao Portus Apostoli, xa que os palmesanos contaban co dominio da pelota e as ocasións. En varias delas interpúxose Di Fanti para evitar o empate. Ata que no 17’ Ernesto rubricouno, e con el a orixe dun tramo final de primeira metade para esquecer por parte dos noieses. No 19’, Lucão anotou o 1-2. E xa no último minuto, Fabinho desde o punto de dez metros e Ernesto de novo colocaron o 1-4 ao descanso.

Sen xiro de guión
O partido seguiu na segunda parte como acabou a primeira, do revés. Apenas 16 segundos transcorreran cando David Pazos saíu con molestias da pista, asinando a súa última aparición no encontro. Pouco despois, chegaron dous goles máis de Palma, por medio de Deivão e Júlio Zanotto. O Noia seguía buscando a reacción e, de feito, reduciu diferenzas momentaneamente Altamirano empuxando a pelota no segundo pau, pero David Peña volveunas a aumentar no 29’ cun disparo de lonxe axustado á madeira. Entrou Biel como porteiro-xogador no 33’ e penalizárono os de Antonio Vadillo co oitavo, obra de Fabinho. Pechou a conta co noveno Carlos Gómez, xa en igualdade numérica.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Di Fanti (p), Mykytiuk, Thierry, Charly e Dani Colón. Tamén xogaron Cristian (p), Montero, Altamirano, Macedo, Koeman, Juampi Cuello, Biel e David Pazos (c).
Illes Balears Palma Futsal: Barrón (p) (c), Deivão, Ernesto, Machado e Fabinho. Tamén xogaron Dennis (p), David Peña, Charuto, Rodrigo, Júlio Zanotto, Lucão, Carlos Gómez, Piqueras e Alisson.
Goles: 1-0 Biel (7’), 1-1 Ernesto (17’), 1-2 Lucão (19’), 1-3 Fabinho (20’), 1-4 Ernesto (20’), 1-5 Deivão (23’), 1-6 Júlio Zanotto (25’), 2-6 Altamirano (27’), 2-7 David Peña (29’), 2-8 Fabinho (33’), 2-9 Carlos Gómez (36’).
Os árbitros Borja Darriba Villamor e Roberto Segundo Amor Vizoso amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Dani Colón (4’) e Mykytiuk (28’). Nos palmesanos, amarela a Machado (34’).
Incidencias: partido correspondente á final do IX Trofeo Portus Apostoli, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.
O Parrulo fíxose co terceiro lugar do podio

Os ferroláns superaron ao combinado indonesio grazas ao hat-trick de Novoa. O campión de Europa coa Selección Española materializou cun tanto na primeira parte e un par practicamente seguidos na segunda a superioridade de O Parrulo no global do encontro. Xa na parte final do choque, dispuxo a Selección Nacional de Indonesia dun penalti, enviado ao pau por Firman Ardiansyah, así como de intentonas con porteiro-xogador, todas elas infructuosas.
Ficha técnica
O Parrulo Ferrol FS: Palazón (p), Lucas Farias, Turbi, Rikelme e Yan Matheus. Tamén xogaron Quelle, Omar Alshatti, Novoa, Diogo, Jhoy, Rubén Orzáez (c), Brayan e Lucas Rodríguez.
Selección Nacional de Indonesia: Habiebie (p), Iqbal (c), Romi Humandri, Samuel Eko e Yogi Saputra. Tamén xogaron Rizki Xavier, Brian Ick, Firman Adriansyah, Gunawan, Kareth, Syauqi Saud, Ardiansyah Nur, Rio Pangestu, Sanjaya e Ronald Bonay.
Goles: 1-0 Novoa (9’), 2-0 Novoa (26’), 3-0 Novoa (27’).
Os árbitros Javier Menéndez Nistal e Andrés Pinilla Boullosa amoestaron con tarxeta amarela ao ferrolán Rubén Orzáez (32’).
Incidencias: partido correspondente ao terceiro e cuarto posto do IX Trofeo Portus Apostoli, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.






Comments