top of page

CRÓNICA AMISTOSO PRETEMPORADA (SCB 1–1 NPA) | Empate no peche da preparación


Sábado, 05/10/2024 · 23:00h · Imaxe: Foto Pichero | Os brancos conclúen a pretemporada con máis boas sensacións e o regreso de Attos tras casi oito meses de baixa.


O Noia Portus Apostoli FS pon fin a sete semanas de pretemporada cunha igualada por 1-1 na pista do SC Braga, noutra gran actuación dos brancos ante un conxunto Champions.


A pouco máis dunha semana de debutar en Liga Placard, o SC Braga realizaba a posta de largo ante a súa xente, nun AMCO Arena engalanado para a data. O ambiente propio a un día de tal importancia para os bracarenses non empequeneceu ao Portus Apostoli, que soubo levar a iniciativa en estático e coas incorporacións de Schütt, ademais de ter as mellores ocasións.


Houbo que agardar ata o último minuto do primeiro tempo para estrear o marcador, por medio de David Pazos, cuxo disparo directo de falta colou entre as pernas de Leandro Costa, meta rival.


Pero a mellor nova, sen dúbida algunha, do acto inicial e do partido en Braga foi a reaparición de Attos. O peche brasileiro volveu a sentirse xogador case 8 meses despois de romperse o tendón de Aquiles da súa perna dereita ao facer acto de presenza mediado o minuto 10. Ademais, o xuvenil Koeman tivo de novo participación, xa por terceiro encontro seguido.


Igualdade na pista e o marcador


A reacción do SC Braga fíxose agardar tan só un minuto do segundo tempo, co tanto do empate de Ygor Mota. O reclamo de falta previa de Álex García foi desoído polos colexiados. Unha das causas do gol foi o aumento de intensidade do SC Braga e, por conseguinte, do partido, o que desembocou nuns segundos vinte minutos máis equilibrados.


A 8’ para o final, Pirata entrou coa camiseta de porteiro-xogador, xusto a continuación de que Peixe tivera que abandonar a pista por unha dura entrada de Hugo Neves. Power dispuxo da mellor ocasión con superioridade numérica, detida coa perna por Dudu, uns minutos despois de que o arxentino estrelara un balón ao pau.


Nin nun lado nin noutro existiu acerto para atopar o gol, e co pitido final fructificou o 1-1. Un empate que, xunto ás catro vitorias e dúas derrotas previas, conforma os resultados logrados polo Noia Portus Apostoli FS nos amistosos deste período de preparación. Aínda que, máis que iso, os noieses levan para o inicio deste novo e ilusionante curso unhas moi boas sensacións tras o demostrado na pista durante estas semanas.


Próximo partido


Os noieses finalizan a pretemporada e darán comezo oficial ao curso o próximo sábado 12 ás 18:00h, ante o ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS no Agustín Mourís, pola primeira xornada de Primeira División FS.


 

Ficha técnica

SC Braga: Leandro Costa (p), Buzuzu, Ygor Mota, Tiago Correia e Tiago Sousa. Tamén xogaron Dudu (p), Mazetto, Hugo Neves, Bebé, Henmi, Penézio, Fábio Cecílio e Tiago Brito (c).


Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Power Raggiati, Álex García, Douglas e Pirata (c). Tamén xogaron Peixe (p), Montero, Garrincha, Diego Fávero, Attos, David Pazos e Koeman.


Goles: 0-1 David Pazos (19’), 1-1 Ygor Mota (21’).


Os colexiados Diogo Araújo e Paulo Gomes amoestaron con cartón amarelo polos locais a Bebé. E nos noieses, amarela a Power Raggiati.


Incidencias: partido de pretemporada disputado no AMCO Arena de Braga ante uns 1.000 espectadores.

Comments


bottom of page