top of page

CRÓNICA AMISTOSO PRETEMPORADA (OPA 4-6 NPA) | Estrea con triunfo


Sábado, 31/08/2024 · 20:45h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Nun partido con dúas partes moi diferenciadas, o Portus Apostoli logrou a vitoria ante O Parrulo.


O Noia Portus Apostoli FS inaugurou os seus amistosos de pretemporada cunha axustada vitoria en A Malata, onde se viu un encontro con dúas metades para cada conxunto, no que prevaleceu o bo facer e a pegada dos brancos no primeiro tempo.


Tres gadoupadas case consecutivas balancearon cedo o resultado do lado noiés. Os tantos de Douglas, Diego Fávero e Montero entre o 7’ e o 10’ daban mostra do dominio dun Portus Apostoli que impoñía a súa condición de equipo de superior categoría, nunha actuación sobresaliente para tratarse da estrea.


Douglas, novamente, e Rufino redondearon con dous goles máis no tramo final unha gran primeira metade, na que, salvo Peixe (que actuaría na segunda), xogaron todos os noieses convocados, incluídos os filialistas Jorge e Lucho. Non participou Rubi, que se caeu da lista a última hora por precaución, uníndose ás baixas de Attos e Altamirano. Segundos antes de encarar vestiarios, reduciu distancias Domingos para O Parrulo cun auténtico golazo en lanzamento de falta, imposible para Schütt.


A segunda metade tomou un cariz distinto

Unha diana que, polo visto anteriormente, semellaba quedarse en anécdota e acabou tornando no acicate para a reacción dos ferroláns, que pillaron por sorpresa ao Noia no reinicio. Nico Rosa, aplicando a ‘lei do ex’, e Domingos conseguiron dous goles en poucos segundos para colocar o 3-5 cun mundo por diante. Equipo e afección locais viñéronse arriba, e o encontro igualouse na pista. Reestableceu parte de calma no bando noiés Álex García mentres discorría o minuto 33, batendo a Manu Aguayo nunha rápida transición tras roubo e devolvendo a distancia de dous tantos a un partido que se complicara.


Tentouno ata o final O Parrulo con porteiro-xogador e o electrónico noiés amosando cinco faltas, pero o marcador non se moveu e o Portus Apostoli marchou de Ferrol co triunfo, sempre importante na primeira proba, pero tamén unha advertencia para focalizar o camiño a seguir.


Próximo partido

Os noieses desprazaranse a Bertamiráns para enfrontarse ao Pescados Rubén Burela FS o vindeiro sábado 7 de setembro.


 

Ficha técnica

O Parrulo Ferrol FS: Manu Aguayo (p), Orzáez, Iván Rumbo (c), Domingos e Nico Rosa. Tamén xogaron Dennis Berthod (p), Novoa, Pansi, Gonzalo Santa Cruz, Berto e Turbi.


Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Lucho, Diego Fávero, David Pazos e Matheus Preá. Tamén xogaron Peixe (p), Power Raggiati, Montero, Garrincha, Rufino, Álex García, Pirata (c), Douglas e Jorge.


Goles: 0-1 Douglas (7’), 0-2 Diego Fávero (8’), 0-3 Montero (10’), 0-4 Douglas (17’), 0-5 Rufino (18’), 1-5 Domingos (20’), 2-5 Nico Rosa (23’), 3-5 Domingos (23’), 4-5 Orzáez (27’), 4-6 Álex García (33’).


Os colexiados Roberto Amor Vizoso e Borja Darriba Villamor amoestaron polo conxunto local a Gonzalo Santa Cruz (21’) e polos visitantes a Pirata (20’), Power Raggiati (27’), Diego Fávero (27’), Jorge (28’) e Rufino (38’)


Incidencias: partido amistoso de pretemporada disputado no Municipal A Malata de Ferrol ante uns 600 espectadores.

Comments


bottom of page