CRÓNICA AMISTOSO PRETEMPORADA (NPA 1–1 SCB) | Empate no test máis positivo
- Departamento prensa Noia PA FS

- Aug 23
- 2 min read

Ata que por fin chegou o día. Desde o partido ante Wanapix, aquel que pasou de infausto a fundamental, non xogaba o Noia Portus Apostoli FS no Agustín Mourís. E o regreso deixou un gran sabor de boca aos afeccionados que, en plenas festas de San Bartolomeu, pasaron polo coliseo branco: puideron ver o mellor partido ata o momento dos de David Palmas, que finalizou en empate contra o SC Braga.
Ansia de reencontros, curiosidade por ver ás caras novas e, en resumo, moitas ganas de fútbol sala no Mourís. Tantas como tiña o equipo de compracer á súa xente nesta estrea. Pouco a pouco foron facéndoo, nunha primeira metade fabulosa do conxunto noiés.
Só sumou o gol de Leozin, previa xenialidade dun Koeman que fixo esquecer que cumprirá apenas 18 anos en decembro, pero a gran actuación xeral de todo o Noia, incluso coas ausencias de David Pazos e Thierry, ben mereceu máis botín goleador antes do receso.
Maior igualdade
O SC Braga deu un paso adiante tras o percorrido por vestiarios, superando ademais unha inferioridade numérica pola expulsión de Tiago Brito. Non podía ser menos, tratándose dun dos mellores cadros de Portugal, que competiu na pasada UEFA Futsal Champions League.
Os lusos gañaron terreo coas incorporacións ao ataque do seu porteiro Dudu Felten, pero non atoparon a vía do empate ata que Bebe aproveitou un erro na saída de presión do Portus Apostoli no minuto 36. Aínda que o buscaron os locais ata o final, o gol que podía redondear unha tarde de boas sensacións non chegou e ambos contendentes asinaron o empate.
Próximo partido
Os noieses terminarán a pretemporada o vindeiro venres 29 fronte ao Illes Balears Palma Futsal no VIII Trofeo Portus Apostoli.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Montero, Macedo, Altamirano (c) e Ismael. Tamén xogaron Peixe (p), Varsalona, Koeman, Douglas, Leozin, Churrasco, Diego, Rubi e Biel.
SC Braga: Leandro (p), Tiago Sousa, Tiago Brito (c), Mamadú e Luis Fernandes. Tamén xogaron Vilian, Henmi, Ricardo Lopes, Hugo Neves, Bebe, Mazetto e Vitão.
Goles: 1-0 Leozin (15’), 1-1 Bebe (36’).
Os árbitros Héctor Vilas López y Javier Menéndez Nistal amoestaron con tarxeta amarela nos lusos a Leandro (20’) e Tiago Brito (20’ e 20’).
Incidencias: partido amistoso de pretemporada disputado no Municipal Agustín Mourís ante uns 500 espectadores.











Comments