top of page

CRÓNICA AMISTOSO PRETEMPORADA (NPA 3-3 OPA) | Táboas nun trepidante derbi de pretemporada

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • Aug 16
  • 3 min read

Updated: Aug 17

Sábado, 16/08/2025 · 23:30h · Imaxe: Foto Pichero | O gol de Novoa a 48 segundos do final evitou que os noieses, que foron de menos a máis, reclamaran o triunfo.
Sábado, 16/08/2025 · 23:30h · Imaxe: Foto Pichero | O gol de Novoa a 48 segundos do final evitou que os noieses, que foron de menos a máis, reclamaran o triunfo.

O derbi de pretemporada acabou en táboas, cun tanto de Novoa para os parrulos a 48 segundos do final que puxo o 3-3 definitivo a un trepidante encontro en Bertamiráns, do que o Noia Portus Apostoli FS saca novas lecturas importantes para seguir medrando.


Baixo unha por momentos insoportable calor medían os seus avances preparativos os dous representantes galegos da Primeira División FS. Sobre o parqué, o habitual neste tipo de choques: momentos para cada un e rotacións curtas con moitos xogadores. Empezou acurralando o Portus Apostoli aos ferroláns, que evitaban por acumulación as chegadas iniciais dos de David Palmas e, pouco a pouco, sacaron a cabeza, xerando a partir de aí as mellores ocasións.


Aínda que o seu gol chegou da nada. Desde a súa área, Mati Starna viu adiantado ao seu homólogo Schütt na contraria e executou un disparo perfecto para abrir o electrónico de maneira espectacular. Custoulle varios minutos reaccionar aos noieses, que o fixeron especialmente tras un tempo morto. O premio chegou en forma de gol, o primeiro de Leozin nunha acción típica de pivote con xiro e remate á rede. Puideron ser máis, de ter acertado Koeman ou Montero en sendas oportunidades.


Prometía empate ao descanso, pero, cando mellor estaba o Noia, os parrulos sorprenderon por medio de Novoa nunha acción de estratexia de córner para irse por diante ao vestidor.


Máis e mellor do Noia


Sacando dúas intentonas perigosas nada máis reiniciarse o envite, a segunda metade tivo acento noiés, confirmando o progreso no duelo. De feito, apenas tardaron catro minutos en volver a igualar a contenda. O encargado foi Ismael, conducindo e finalizando unha transición polo centro para, tamén, estrear a súa conta goleadora co equipo.


Máis contundente, máis acertado, máis incisivo. O Portus Apostoli fixérase dono do partido e buscaba sen cesar o terceiro tanto. Especial e curiosamente, o seu porteiro. Peixe xa anotara no derbi de Bertamiráns do curso pasado ante Burela, e, tras varias incorporacións, volveu a facelo cun fortísimo lanzamento imposible para Starna.


Quedaban tres minutos, e pouco tardou en meter Gerard Casas, adestrador de O Parrulo, a Dennis Berthod en portería para provocar o mesmo que Peixe: superioridades co gardameta. A 48 segundos para o final deulle resultado, grazas ao tanto de Novoa que puxo o 3-3 co que concluiu este derbi de Bertamiráns previo á temporada.


Próximo partido


A vindeira semana, os noieses recibirán ao SC Braga no seu primeiro partido no Agustín Mourís na 25/26. O duelo será o sábado 23 ás 19:30h, consegue as entradas AQUÍ!


Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Montero, Douglas, Macedo e Ismael. Tamén xogaron Peixe (p), Varsalona, Leozin, Diego Fávero, Biel, David Pazos (c), Churrasco, Koeman e Rubi.


O Parrulo Ferrol FS: Mati Starna (p), Orzáez (c), Novoa, Diogo e Gonzalo Santa Cruz. Tamén xogaron Dennis Berthod (p), Turbi, Jon, Xavi Cols, Jhoy e Vukmir.


Goles: 0-1 Mati Starna (6’), 1-1 Leozin (16’), 1-2 Novoa (19’), 2-2 Ismael (24’), 3-2 Peixe (36’), 3-3 Novoa (40’).


Os árbitros Marcos Noya Pardo e Adrián Figueroa Veiga amoestaron con tarxeta amarela polos noieses a David Pazos (37’). Nos ferroláns, ningunha amarela.


Incidencias: partido amistoso de pretemporada disputado no Municipal de Bertamiráns ante uns 500 espectadores.

Comments


bottom of page