top of page

CRÓNICA AMISTOSO DE PRETEMPORADA (NPA 6–1 CAX) | Progresa adecuadamente

  • 13 minutes ago
  • 2 min read
Sábado, 15/08/2026 · 23:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Portus Apostoli amosa unha gran imaxe e logra o triunfo con suficiencia na súa primeira proba de verán.
Sábado, 15/08/2026 · 23:30h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Portus Apostoli amosa unha gran imaxe e logra o triunfo con suficiencia na súa primeira proba de verán.

A volta á area do Noia Portus Apostoli FS deixou á vista que a preparación vai por bo camiño. Practicamente todo foron boas novas para o equipo de David Palmas, dominador do partido con grandes fases de xogo moi positivas e do marcador cunha contundencia (6-1) á que o ADCR Caxinas non tivo resposta.


No terreo neutral de Redondela e baixo unha calor sufocante de agosto, o Portus Apostoli puido facer check a tarefas como as de crear sinerxias, acumular máis traballo e os debuts de varios xogadores. As cinco incorporacións, Di Fanti, Juampi Cuello, Mykytiuk, Charly e Dani Colón, enfundáronse por vez primeira a camiseta noiesa, aínda que aínda a negra de adestramento.


O primeiro gol da pretemporada, coa sinatura de Koeman | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
O primeiro gol da pretemporada, coa sinatura de Koeman | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

A goleada abriuse cedo, por medio de Koeman no minuto 4, a pase de Thierry. O segundo e o terceiro tantos converteunos un dos que se estreaba, o pivote Dani Colón. Entre medias, chegou o único gol luso, obra de Manuel Campos, ao aproveitar un fallo noiés en saída de presión.


Selando con claridade


A comodidade e dominio coa pelota do Noia fixéronse aínda máis evidentes na segunda metade, o que se traduciu en máis goles. Poucos segundos separaron o gol de David Pazos en disparo directo de falta e o hat-trick de Dani Colón, perfectamente colocado no segundo pau en acción de estratexia. O ucraíno Mykytiuk fixo o sexto e definitivo no 32’, cun inapelable tiro exterior.


Soño cumprido para Mosquera | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Soño cumprido para Mosquera | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Apenas uns instantes antes desa última diana, produciuse o debut de Mosquera. O gardameta do Filial sustituiu a Di Fanti e disputou os 10 minutos finais do encontro. Outro motivo para sorrir nun Noia Portus Apostoli FS que, tras dúas semanas arreo, progresa adecuadamente.


Próximo partido


O equipo de David Palmas enfrontarase o venres 21 ás 20:45h á Selección Nacional de Indonesia, na disputa da semifinal do IX Trofeo Portus Apostoli no Municipal Agustín Mourís.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Di Fanti (p), Juampi Cuello, Macedo, David Pazos (c) e Biel. Tamén xogaron Mosquera (p), Mykytiuk, Altamirano, Charly, Koeman, Dani Colón e Thierry.


ADCR Caxinas: Luiz Pontes (p), João Abreu, Diogo Sousa, Pedrinho e Rodrigo Simão (c). Tamén xogaron Gabi (p), Zezinho, Miguel Ramos, André Luzia, Manuel Campos, Gonçalo Crespillo, Jota, Alexandre Brochado, Rodrigo Gabriel e Tomás Sá.


Goles: 1-0 Koeman (4’), 2-0 Dani Colón (8’), 2-1 Manuel Campos (12’), 3-1 Dani Colón (14’), 4-1 David Pazos (27’), 5-1 Dani Colón (28’), 6-1 Mykytiuk (32’).


Os árbitros Borja Darriba Villamor e Rubén Ferrero Carballal amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Altamirano (1’), Juampi Cuello (2’), Mykytiuk (26’) e David Pazos (30’). Nos lusos, amarela a Rodrigo Gabriel (27’).


Incidencias: partido amistoso de pretemporada, disputado no Pavillón A Marisma de Redondela ante uns 300 espectadores.

Comments


bottom of page