CRÓNICA AMISTOSO PRETEMPORADA (NPA 4–0 CAX) | Bos detalles e vitoria en Bueu
- Departamento prensa Noia PA FS

- Aug 11
- 3 min read
Updated: Aug 13

Primeiro amistoso moi satisfactorio para o Noia Portus Apostoli FS. De Bueu saíron David Palmas e o seu corpo técnico con apuntes positivos, así como outros aínda a mellorar propios das alturas de preparación nas que nos atopamos, ademais dunha sempre reconfortante vitoria.
Había ganas de Noia. Así o demostrou a afección noiesa, desprazada en varias decenas ao Pablo Herbello para ver os primeiros pasos dos seus. Antes, tiveron a oportunidade de homenaxear a un dos que forxou o camiño. Nacho Soage, xogador bueués do Noia FS entre a 12/13 e a 13/14, recibiu entre varios obsequios un de mans de Severino Barreiro, presidente noiés, nos prolegómenos do choque por motivo da súa recente retirada.
Co asubío inicial comezou a acción na pista. David Palmas, que non puido contar nin con Thierry (en Brasil para resolver asuntos burocráticos) nin con Altamirano (molestias de última hora), dispuxo un equilibrado reparto de minutos entre os seus xogadores, con cuartetos diferenciados, para poñer en práctica o ensaiado estas semanas.
A contenda estivo definida pola igualdade nos minutos iniciais, que pouco a pouco foi caendo cara o lado noiés. Os goles decantaríaos a habitual dureza portuguesa. Os colexiados sinalaron no minuto 17 dúas faltas practicamente seguidas do ADCR Caxinas, a sexta e a sétima. Ao punto de dez metros foi David Pazos, estreando capitanía, e acertando coa rede nas dúas ocasións.
Redondeando o resultado
O Portus Apostoli mantivo o marcador favorable durante o transcurso do segundo acto, no que gozou de bos momentos e tamén tivo algúns mellorables. Entrando nos últimos dez minutos, Rubi fixo o terceiro a pase de Diego, previa recuperación de Varsalona. A dous do final, Douglas puxo o cuarto e definitivo tras unha combinación con Ismael.
Vitoria, seis debuts (Varsalona, Leozin, Macedo, Biel, Ismael e Churrasco), portería a cero e detalles positivos sobre os que seguir medrando. Bueu foi só o comezo dunha emocionante temporada que agarda por diante al Noia, desexoso de dar alegrías á súa xente.
Próximo partido
Os noieses afrontan este sábado 16 ás 20:00h en Bertamiráns o seu segundo compromiso amistoso de pretemporada ante O Parrulo Ferrol FS.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Varsalona, Rubi, Diego Fávero e Biel. Tamén xogaron Peixe (p), Montero, Leozin, Macedo, Douglas, David Pazos (c), Ismael, Churrasco e Koeman.
ADCR Caxinas: Tiago (p), Ricardo M., Adailton Souza, Matheus e Sévio. Tamén xogaron Rui Cardoso (p), Léo Evangelista, Bazan, Martín Dorda, Colaço, Martim Castela e Diogo Sousa.
Goles: 1-0 David Pazos (17’), 2-0 David Pazos (17’), 3-0 Rubi (31’), 4-0 Douglas (38’).
Os árbitros Rubén Ferrero Carballal e Borja Darriba Villamor amoestaron con tarxeta amarela polos noieses a Varsalona (2’), Churrasco (15’) e David Pazos (24’). Nos lusos, amarela a Rui Cardoso (21’).
Incidencias: partido amistoso de pretemporada disputado no Municipal Pablo Herbello de Bueu ante uns 600 espectadores. Nos instantes previos ao asubío inicial realizouse unha homenaxe ao xogador bueués e ex do Noia durante as temporadas 12/13 e 13/14 Nacho Soage, que recibiu varios obsequios, entre eles un por parte de Severino Barreiro, presidente do Club, por motivo da súa recente retirada.











Comments