Sábado, 07/09/2024 · 23:55 · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os goles de Peixe, Garrincha e Álex García deron o triunfo ao Portus Apostoli no seu segundo amistoso de pretemporada, ante unha gran asistencia de afeccionados noieses.
Segunda vitoria do Noia Portus Apostoli FS no período de preparación para o novo curso, esta vez ante o outro equipo galego de Primeira División FS, o Pescados Rubén Burela FS, co que desempeñou unha gran tarde de fútbol sala en Bertamiráns.
O inicio do choque foi tan inmellorable como inagardado. Cando a parroquia presente no Municipal da localidade amaense aínda falaba dos novos looks noieses, coa estrea da 3ª equipación e a de porteiros, Peixe sorprendeu a propios e estraños cun fortísimo golpeo de lexos que se introduciu na portería de Kaluza. A ampla cifra de afeccionados noieses desprazados a Bertamiráns gozouno por todo o alto, e quedou coas ganas de celebrar algún tanto máis que ben puido caer nos seguintes compases, con ocasións claras nas botas de Pirata, Matheus Preá ou Rufino.
Pouco a pouco e por medio das incorporacións ao ataque do seu porteiro, o Pescados Rubén Burela FS fíxose co control do coiro, aínda que sen xerar excesivo perigo sobre o marco do Noia. De feito, a máis clara estivo no tiro de dez metros do que dispuxeron os laranxas no último minuto de xogo do primeiro acto, tras unha sexta falta moi protestada no bando noiés. A meta saiu Schütt para responder con solidez e deter o lanzamento executado por Charly, pechando así unha primeira metade de 10 para ambos porteiros noieses.
De menos a máis na segunda parte
O de Osasco sería protagonista tamén na reanudación, apaciguando con grandes intervencións a boa saída burelesa, incluso con colaboración do pau nun intento de Quelle. A segunda amarela a Meira no 24’ permitiu ao Portus Apostoli volver a tomar unha clara iniciativa coa superioridade numérica, e pronto a aproveitou. Garrincha, a pase de Pirata, estreou a súa conta goleadora como noiés na primeira intentona cun máis. Catro minutos despois, o Pescados Rubén reduciría distancias nunha rápida transición ben definida por medio de Quelle.
Porén, pouco tardaría o Noia en recolocar a diferenza no marcador, grazas a un balón solto na área convertido en gol por Álex García cando discorría o 30’. A partir de aí chegaron os mellores minutos dos noieses, máis hábiles no movemento de pelota e dispoñendo de varias oportunidades para aumentar o resultado, aínda que este xa non se volvería a alterar.
O Portus Apostoli segue contando os seus partidos por vitorias, con dous de dous, a punto de alcanzar o ecuador do período de pretemporada. E, o que é máis importante, ampliando horizontes nunhas ideas de xogo coas que a súa afección vibrou en Bertamiráns.
Próximo partido
O conxunto noiés desprazarase a Vila do Conde para enfrontarse ao ADCR Caxinas Poça Barca o vindeiro sábado.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Power Raggiati, Altamirano, Rufino e Matheus Preá. Tamén xogaron Schütt (p), Lucho, Garrincha, Diego Fávero, Álex García, Pirata (c), Douglas, David Pazos, Jorge e Rubi.
Pescados Rubén Burela FS: Kaluza (p), Alberto, Rikelme, Isma (c) e Pitero. Tamén xogaron Araya, Quelle, Charly, Meira e Malaguti.
Goles: 1-0 Peixe (1’), 2-0 Garrincha (25’), 2-1 Quelle (28’), 3-1 Álex García (30’).
Os colexiados Adrián Buján Barciela e Daniel Dacal Deza amoestaron polos noieses con cartón amarelo a Matheus Preá (17’) e Pirata (20’), e polos bureleses a Meira (16’ e 24’) e Alberto (38’).
Incidencias: partido amistoso de pretemporada disputado no Municipal de Bertamiráns ante uns 500 espectadores.
Comments