top of page

CRÓNICA AMISTOSO PRETEMPORADA (BUR 4–3 NPA) | Derrota en Burela


Xoves, 19/09/2024 · 23:30h · Imaxe: Foto Pichero | O Portus Apostoli encaixou a súa primeira derrota da pretemporada, nun intenso derbi con sabor a competición.


Tras tres vitorias, o Noia Portus Apostoli FS xa coñece o sabor da derrota nesta pretemporada. Os noieses cederon por 4-3 na súa visita ao Vista Alegre do Pescados Rubén Burela FS, máis efectivos nos momentos clave dun choque axustado e cunha parte para cada equipo.


Desde o inicio fixéronse presentes a intensidade e a emoción, con múltiples amarelas incluídas, nun derbi que de amistoso tivo só o nome, e ao que saiu máis decidido o Noia. O tanto no 3’ de Rufino, que porfiou ata o final na área, respondía ao mellor comezo dos seus, abalanzados sobre a porta dun Kaluza que viu entrar nos seus dominios o balón, tocado como puido polo arxentino.


Os brancos, vestidos de amarelo para a ocasión, puideron ampliar a súa renda con máis chegadas sobre o marco rival. A máis destacada, un golpeo ao largueiro de Pirata. Porén, os bureleses sorprenderon con dous tantos en poucos minutos, ambos en accións de saque de esquina, obra de Rikelme e de Pitero, e voltearon a dinámica.


Contexto novo para o Portus Apostoli, por primeira vez por debaixo no marcador nesta pretemporada. Os noieses non se engurraron e asumiron a batuta, amasando balón e chegadas, frustradas todas en última instancia. De feito, o Burela ampliaría vantaxe a dous goles nos últimos minutos do primeiro tempo, grazas ao tanto de Charly desde fóra da área.


Clara melloría no reinicio


Saída forte de vestiarios novamente do Noia, que tras as ocasións de Power, por partida dobre, e Garrincha, puido reducir distancias. Si o fixo Rufino, que se volveu a anotar na lista de goleadores do partido, rematando ao segundo pau un servizo ideal de Diego Fávero. Precisamente o brasileiro tivo nas súas botas o empate, poucos segundos despois, nun balón franco que se lle foi alto.


Uns dez minutos despois, no 34’, redimiuse Fávero marcando o 3-3. O seu terceiro gol nesta pretemporada chegou como os dous anteriores, cun golpeo exterior de lonxe, nesta ocasión aproveitando a superioridade numérica pola expulsión de Alberto, que viu a segunda amarela.


Coa inercia do gran segundo tempo do bando noiés, todo semellaba favorecerlles para levarse o triunfo no tramo final, pero non foi así. No 38’, nunha das poucas aproximacións laranxas na segunda metade, Isma convertiu o 4-3 con fortuna, ao desviar o seu disparo un efectivo do Portus Apostoli. A situación propiciou o uso do porteiro-xogador por vez primeira nesta preparación. A nova positiva, que se xerou; a negativa, que non o suficiente para superar a Kaluza e o resultado final caeu do lado burelés.


Próximo partido


O seguinte para o Noia será a disputa do VII Trofeo Portus Apostoli, a fin de semana do 27 ao 29 de setembro, con detalles por desvelar.


 

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Kaluza (p), Araya, Alberto, Rikelme e Malaguti. Tamén xogaron Quelle, Pitero, Isma (c), Charly e Meira.


Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Power Raggiati, Álex García, David Pazos e Rufino. Tamén xogaron Schütt (p), Montero, Garrincha, Diego Fávero, Pirata (c), Douglas e Rubi.


Goles: 0-1 Rufino (3’), 1-1 Rikelme (9’), 2-1 Pitero (10’), 3-1 Charly (18’), 3-2 Rufino (26’), 3-3 Diego Fávero (34’), 4-3 Isma (38’).


Os colexiados Borja Darriba Villamor e Daniel López López amoestaron polos bureleses a Isma (6’), Malaguti (8’), Alberto (15’ e 33’) e ao adestrador David Rial (2’). E polos noieses, amarelas a Rufino (9’), Pirata (17’) e Douglas (38’).


Incidencias: partido amistoso disputado no Municipal Vista Alegre de Burela ante uns 300 espectadores.

Kommentarer


bottom of page