Mércores, 25/09/2024 · 15:00h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Un na Sub-16 e seis na Sub-19 para os primeiros adestramentos que se levarán a cabo hoxe. Koeman, na imaxe co balón, un dos seleccionados.
Co inicio dun novo curso, tamén se poñen en marcha os distintos equipos das categorías inferiores da Selección Galega, e, un ano máis, con representación do Noia Portus Apostoli FS. Adrián Yáñez na Sub-16 e Álvaro, Brais, Iago López, Koke, Koeman e Oliver Chenel na Sub-19 serán os noieses que participarán nos primeiros adestramentos dos combinados autonómicos.
Adrián Yáñez, convocado coa Sub-16 · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
No caso de Adrián Yáñez, realizará a primeira sesión baixo as ordes do seleccionador Joaquín Martínez “Kini” esta tarde, ás 18:00h, no Pavillón Municipal de Melide. Pola súa parte, os seis xogadores brancos que tomarán parte nos exercicios da Sub-19, dirixida por Óscar Vigo, farano tamén hoxe ás 18:00h, no Municipal de Boqueixón.
En orde: Álvaro, Brais, Iago López, Koke, Koeman e Oliver Chenel, convocados coa Sub-19 · Imaxes: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Coas miras nos Campionatos de España de Seleccións Autonómicas
Estes adestramentos atópanse enmarcados no primeiro proceso de pre-selección para os Campionatos de España de Seleccións Autonómicas, dos que onte se coñeceron grupos e sedes da fase previa.
Facendo referencia aos dous combinados que chamaron a xogadores noieses, tanto a Sub-16 como a Sub-19 serán anfitrionas e quedaron encadradas no Grupo A, xunto a Castela e León, Cataluña, Navarra e Castela A Mancha.
Comments