Cinco partidos en dúas semanas frenéticas
- 3 minutes ago
- 1 min read

A temporada entra na súa fase final e decisiva, con apenas seis xornadas restando na Primeira División FS. Desas, o Noia Portus Apostoli FS disputará cinco en apenas 15 días de actividade frenética. Dúas semanas, que empezan este sábado 18 de abril e acaban o sábado 2 de maio, nas que se decidirá practicamente todo.
O Municipal Agustín Mourís gozará de tres deses duelos, entre eles os dous iniciais ante o Family Cash Alzira FS (sáb. 18, 16:30h) e o Illes Balears Palma Futsal (mar. 21, 21:00h), declarado Día do Club, adiantado da xornada 29. Só tres días entre un e outro encontro. E o xoves, a subirse ao bus rumbo á cidade califal para enfrontarse, coas cámaras de Teledeporte como testemuña, ao Córdoba Patrimonio de la Humanidad (sáb. 25, 13:00h). Outros tres días despois, última xornada entre semana e partido como local. Visitará o Mourís o Quesos El Hidalgo Manzanares FS (mar. 28, 20:00h). E a bandeira a cadros deste sprint ondeará en Ferrol, ante O Parrulo (sáb. 2, 20:30h).
Pouca preparación, esixencia máxima e emoción por todos os costados, co reto do asalto ao top 8 e o PlayOff polo título como motivantes para o plantel dun Portus Apostoli con ganas de pechar o campionato regular facendo historia do Club.





Comments