top of page

Biel Gaspar e o Noia Portus Apostoli FS: un sentimento que non entende de quilómetros

  • 9 hours ago
  • 2 min read
Mércores, 08/04/2026 · 10:00h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Coñece ao rapaz catalán que profesa un amor tan incondicional como inconvencional polo equipo branco.
Mércores, 08/04/2026 · 10:00h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Coñece ao rapaz catalán que profesa un amor tan incondicional como inconvencional polo equipo branco.

Máis de 1100 quilómetros separan Noia de Santa Coloma de Cervelló, unha localidade catalá da provincia de Barcelona sen relación aparente coa nosa Vila. Porén, entre os seus 8000 habitantes, 1 deles ten un corazón noiés. O seu nome é Biel Gaspar, ten 13 anos , contra todos os prognósticos, é afeccionado do Noia Portus Apostoli FS.


Ese sentimento nace en Biel no ano 2023. Máis concretamente, o 11 de marzo. Aquel día, no seu primeiro partido no Palau Blaugrana, os noieses romperon a banca gañando ao Barça por 3-4. Ou, como di Biel, “gañamos”, porque, aínda que lonxe, el é un máis. “Ao saír do partido díxenlle ao meu pai que quería ser dese equipo, non podo explicar máis. Desde aí empecei a seguir ao equipo e cada vez que veñen por aquí pois vou a velo”, explica.



Un seguimento incondicional sobre o que a súa familia e amigos “dinme que estou un pouco tolo, pero apoianme tamén e sempre que podemos, vimos e é bonito”. Biel garda con cariño o recordo de cando, en 2024, estivo en Noia: “fomos a facer unha pequeña excursión dun día e estivemos no pavillón, coñecendo ao plantel e ao presidente”. Se de escoller a un referente dentro dos bloques noieses dos últimos anos se trata, Biel ten dous nomes. “Gústame moito Pirata aínda que agora xa non está por aquí, David Pazos tamén é un dos meus favoritos”, afirma.


O pasado sábado, no enfrontamento ligueiro da xornada 24, ao que acudiu ataviado cunha camiseta de Ismael que acabaría asinada polo andaluz, non tivo a fortuna de ver un triunfo do seu equipo, pero a súa mensaxe para o plantel segue moi vixente para o que queda de temporada: “moita forza e a ver se se pode entrar en PlayOff este ano”.

Comments


bottom of page