Douglas, Schütt, Churrasco, Diego, Gui Lima e Iván non continuarán en Noia
- 3 minutes ago
- 2 min read

Os xogadores Douglas, Schütt, Churrasco, Diego, Gui Lima e Iván conclúen a súa relación co Noia Portus Apostoli FS.
Douglas deixa de formar parte do Club noiés despois de tres temporadas, divididas nunha primeira etapa de medio curso na 22/23 e outra de dous e medio a partir de xaneiro de 2024. O á brasileiro, todo sacrificio na pista, xogou un total de 76 encontros oficiais, conseguindo 19 tantos. No seu palmarés suma tres trofeos de Copa Galicia FS, ademais dunha participación no PlayOff polo título de Primeira División FS.
Schütt pecha un periplo de dúas temporadas como xogador branco. O porteiro brasileiro chegou a Noia en verán de 2024 procedente do Quinta dos Lombos portugués. Neste período disputou 53 partidos entre todas as competicións, nos que, ademais de anotar 2 goles, demostrou a súa calidade entre paus, fundamental para as dúas permanencias en Primeira e erguer 1 título de Copa Galicia FS.
Churrasco conclúe o seu paso por Noia, despois dunha temporada na que o brasileiro participou nos 36 partidos disputados polo equipo, anotando 8 goles. Procedente do MFC Aktobe casaco, o peche converteuse nun dos fixos de David Palmas na mellor temporada do Club a nivel de puntuación na elite.
Imaxes: Foto Pichero
Diego Fávero despídese tras dous cursos pertencendo á disciplina do Portus Apostoli. O experimentado á-peche zurdo brasileiro aterrou en Noia en verán de 2024 desde o KPRF ruso, e desde entón xogou 44 choques oficiais, sumando 1 gol á súa conta. No seu palmarés como futbolista branco figura 1 título de Copa Galicia FS.
Gui Lima abandona o Club branco ao cortarse a súa cesión desde o Illes Balears Palma Futsal, iniciada o pasado mes de xaneiro, cando chegou do Campo Mourão Futsal. Neste tempo, o peche brasileiro disputou 12 partidos, nos que materializou 1 diana.
Iván completa un traxecto de tres campañas en Noia, nas que compatibilizou tarefas no Primeiro Equipo e no Filial. O porteiro coruñés participou nun total de 10 encontros co cadro principal, no que estivo en dinámica desde a súa chegada. Como logros no seu haber atópanse 2 trofeos de Copa Galicia FS e o ascenso a Segunda División “B” FS co Portus Apostoli “B”, no que foi peza clave para lograr dúas folgadas salvacións na categoría de bronce.
Imaxes: Foto Pichero
O Club agradécelles aos seis xogadores os servizos prestados, así como a súa profesionalidade e compromiso, e deséxalles a maior das sortes no seu futuro, tanto profesional como persoal.

















Comments