top of page

Coñecemos un pouco máis ao noso equipo Xuvenil campión de 1ª Autonómica!

Os dirixidos por Daniel Ventoso afrontarán a fase de ascenso a Liga Galega, despois de levarse o primeiro posto no torneo ligueiro.
Con ese motivo, falamos co propio adestrador e co capitán, Hugo Vieites, sobre este logro e o que lles agarda de cara a ese PlayOff.
Os xogadores do equipo Xuvenil celebran un gol (foto: Manuel Lorenzo)

Non só no seu primeiro equipo pretende medrar o Noia Portus Apostoli FS. Coa chegada de David Palmas á coordinación da Escola Deportiva a comezos de curso, iniciouse un proceso de potenciación da base noiesa que está a dar os seus primeiros froitos. A pasada fin de semana, o equipo Xuvenil conquistou o título ligueiro de 1ª Autonómica, rematando con 49 puntos, tres por riba do segundo clasificado, e gañándose un posto na fase de ascenso a Liga Galega.


Moito orgullo, non só eu, senón tamén todos os meus compañeiros”, demostra Hugo Vieites, capitán do equipo e un dos que leva xogando no club “desde que era moi pequeno”, algo que fai máis especial se cabe esta conquista: “a todo rapaz lle gusta gañar un trofeo como este no club no que levas desde pequeniño”, confesa.


O camiño ao campionato foi de menos a máis, “tivemos algún tropezo pero soubemos remontalo e na segunda volta saímos invictos”, expresa Vieites. A gloria confirmouse definitivamente na última xornada, despois de que o segundo clasificado, o Alto do Vento FS “A”, non se sobrepuxera a unha distancia considerable na diferenza de goles. Iso propiciou que o encontro dos brancos en A Estrada fora un trámite. Aínda así, o marcador final reflectiu un 0-7. “Ao principio custounos, agora estamos nun momento no que se ve que o equipo mellorou moito en moitas facetas, e aínda hai moita marxe de mellora”, afirma o adestrador, Daniel Ventoso.



Iso tentarán amosar no PlayOff de ascenso a Liga Galega, que comezará dentro de máis de dous meses, o 28 de maio. “Temos a desvantaxe de que a nosa Liga terminou esta fin de semana e o equipo contra o que vamos a xogar acaba o día 14”, relata Ventoso, quen desvela que, entre esas datas, “vamos a xogar a Copa, que serían oito partidos, para intentar chegar nas mellores condicións a ese PlayOff”. Na fase de ascenso agarda un partido como locais en semifinais e, de gañar, a final en sede neutral. “Son 100 minutos dos que depende conseguir ou non ascenso”, di.


O obxectivo está claro: ir a polo ascenso. Pero, máis importante que iso é a formación dos xogadores. Teno claro, en primeiro lugar, o capitán, “toca seguir adestrando e mellorando, sendo un espello para as categorías máis pequenas e motivo de orgullo para as familias e o club”, e tamén o adestrador, que coloca tres piares fundamentais en “xogo limpo, competir e, sobre todo, traballar”.

Moitas doses deses tres ingredientes serán necesarias, nun plantel moi xoven, no que “non temos ningún xuvenil de terceiro ano, xogan contra rapaces que lles poden levar dous ou tres anos”, como recoñece Ventoso, que non dubida en manifestar tamén que “temos que merecer un equipo xuvenil en Liga Galega e de aquí a dous anos tentar telo en categoría nacional”.


Parabéns a todos! Hugo Vieites, Hugo Romero, Luis Viñas, Álex Calvo, Eloy Gerpe, Iván Fernández, Fernando García, Roi Castro, Lucas Pardo, Álvaro Segade, Nacho Fernández, Iago Insua, Marcos Iglesias, Pau Codony, Brais Sueiro, Hugo García, Jorge González e Daniel Ventoso!

Komentáře


bottom of page