Xoves, 12/12/2024 · 15:55h | Disputarase o martes 7 ou o mércores 8 de xaneiro, polo que será o primeiro partido do 2025 no feudo noiés.
O Municipal Agustín Mourís volverá a gozar dunha eliminatoria de Copa do Rei FS o 7 ou 8 de xaneiro de 2025, case 3 anos despois da última vez. O sorteo realizado esta mañá na Cidade do Fútbol de las Rozas determinou que o Noia Portus Apostoli FS se xogará un billete aos cuartos de final do torneo do KO fronte ao Wanapix Sala 10.
Desde o 15 de febreiro de 2022 non vive o Agustín Mourís un choque de Copa do Rei FS. Por aquel entón, os noieses aínda non sabían que era a Primeira División FS, na que si militaba o seu rival, un Córdoba Patrimonio de la Humanidad que frustrou pola mínima (2-3) o soño dunha Vila e un equipo que, meses antes, apeara a todo un ElPozo Murcia FS.
Duelo inédito
Noieses e zaragozanos veranse as caras por primeira vez na historia neste cruce copeiro a partido único de oitavos de final, apenas medio mes antes do seu enfrontamento ligueiro no CDM Siglo XXI o 25 de xaneiro.
Se o Portus Apostoli é, a día de hoxe, pechacancelas na Primeira División FS, o Wanapix Sala 10 ocupa a antepenúltima praza, separados tan só por dous puntos. Os dirixidos por Jorge Palos, adestrador máis mozo da categoría, volveron este curso á elite tras dous en Segunda. Na anterior ronda copeira desfixéronse do Social Energy Alcalá FS por 3-7, mesmo resultado co que os noieses eliminaron ao Levante UD FS.
Comentarios