“Foron cinco anos espectaculares da miña vida”
- Departamento prensa Noia PA FS
- Jun 5
- 4 min read

Xoves, 05/06/2025 · 12:40h · Imaxe: Foto Pichero | Nunha emotiva rolda de prensa, o capitán anunciou a súa marcha rodeado de familiares, amigos, compañeiros e decenas de afeccionados na sede de Autos Patiño Noia.
A sede de Autos Patiño Noia foi escenario dun dos actos máis emotivos na historia do Noia Portus Apostoli FS. E é que era imposible que para despedir a Pirata non se escapara algunha que outra bágoa, tanto aos presentes na mesa como ás decenas de familiares, amigos, compañeiros e afeccionados que non dubidaron en darlle as grazas por última vez ao capitán.
O evento comezou coa reproducción dos 100 goles logrados por Pirata coa camiseta noiesa, mentres os asistentes buscaban asento e posición nunha ateigada sala. A continuación, tomou a palabra Javier Barreiro. Tras agradecer a Autos Patiño Noia a acollida, o director xeral do Club recoñeceu, emocionado, que “para min é un día complicado”. Barreiro repasou toda a traxectoria do lucense desde a súa chegada en xullo de 2020, nunha presentación á que asistiron dous nenos e que se convertiu na súa despedida en “case cen personas que hai hoxe aquí”. O reflexo dun periplo inolvidable que empezou cun rapaz que viña “a promocionarse, a deixarse a pel, a traballar” e ao que agora, como home, chégalle “o momento de voar” perseguindo novos retos e desafíos, proceso que Javier destaca como “un piar fundamental do noso Club”, ao igual que fixera días antes na despedida de Power Raggiati. “Estamos, evidentemente, tristes, pero súper orgullosos”, relataba o director xeral, “porque desde que Pirata chegou todo foron éxitos e crecemento, tanto el como nós”. Barreiro terminou a súa participación dirixíndose ao protagonista, “esta sempre será a túa casa e sempre teremos os brazos abertos para ti”.
Despois foi o turno do propio Pirata. O xa eterno dorsal 17 do Portus Apostoli dedicou o seu discurso, en primeiro lugar, a presidente e director xeral. “Grazas Severino, grazas Javier, por darme a oportunidade de chegar a este Club e de que mantivésemos esta viaxe. Sei de primeira man o empeño que poñedes e que todo isto se puidera levar a cabo é moi especial para min”, nuns agradecementos que estendeu á casa acolledora do acto, Autos Patiño Noia, e “a todas as persoas que fostedes e sodes parte deste proxecto”.
Imaxes: Foto Pichero
Coa voz entrecortada, preso da emoción, Pirata proseguiu dando as grazas “aos afeccionados e todas as persoas que vindes ao Mourís e nos dades apoio” e confesou que “unha das cousas que máis me preocupaba desde que empezaba a saber que a temporada que vén non ía a estar aquí era que o Club seguise en Primeira, porque me doía moito que iso non puidera ocorrer”, admitindo que “voume tranquilo por deixar ao Club onde merece, espero que siga medrando e que sexan cada vez máis as gorxas que berran que Noia é de Primeira”. Tras valorar a todos os corpos técnicos e compañeiros cos que pasou estes anos, tivo unhas palabras para a súa familia e amigos: “os que viven, senten e saben a verdadeira historia de todo. Ver as vosas bágoas e sorrisos fíxome gozar con autenticidade deste proceso e os vosos valores son a raíz de todo o que son”.
Pirata puxo a valoración final a “cinco anos espectaculares da miña vida, onde me baleirei e dei absolutamente todo por este Club, e por iso marcho coa cabeza alta e o corazón moi cheo. Este último ano levar o brazalete significou moito para min. Quería transmitir aos meus compañeiros todo o que sinto por este Club e esta Vila”. Agora, “tócame dar un paso adiante na miña carreira e desfrutar dun reto polo que levo pelexando moito tempo. Só agardo que todo o que chegue a este Club o respecte con toda e ambición e garra que se merece”.
Para rematar, expresou o seu desexo de que “esta historia siga brillando moito tempo, onde oxalá os éxitos sexan cada vez maiores, porque sen dúbida que o celebrarei como parte de min. Moitas grazas a todos e foi un auténtico pracer”.
Imaxes: Foto Pichero
O último en intervir foi Severino Barreiro, presidente do Noia Portus Apostoli FS, quen tamén conmovido, afirmou que “vaise o noso neno, o meu neno. Darlle as grazas por estos cinco anos, sabes que eres un gran profesional, unha bela persoa”. O presidente tamén quixo agradecer á familia do xogador, nunha tenra confesión cara a súa avoa, quen ocupa no Mourís unha posición próxima ao palco: “sufrimos moito, verdade? Pero tivemos moitos momentos de alegría. Cantos bicos nos demos, e agardo por vostede para seguir dándonolos”.
O acto tivo o seu punto e final coa entrega do cadro conmemorativo a Pirata, ademais dun detalle da afección, e unha última rolda de aplausos que deu lugar a unha larga escena de fotografías e sinaturas do protagonista con varios dos alí presentes que serviu para clausurar un día difícil, pero tamén moi bonito para toda a familia noiesa.
Opmerkingen