“Quen sabe se o día de mañá nos atoparemos como noiés novamente”
- Departamento prensa Noia PA FS
- 2 days ago
- 2 min read

Xoves, 29/05/2025 · 11:45h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O arxentino posa coas súas conquistas: unha Liga de Segunda División e catro Copa Galicia.
A andaina de Power Raggiati no Noia Portus Apostoli FS pechouse este mércores, cunha rolda de prensa na que o arxentino compareceu con Javier Barreiro na sala de prensa do Agustín Mourís, ante a presenza de adestradores, compañeiros e afeccionados.
O director xeral do Club anunciaba a despedida do peche con tristura, pero afirmando que tamén “debemos de sorrir, porque este Club ten que ser ponte para que moitos xogadores mozos medren, e eu falaba moitas veces con Agustín que isto tiña que ser unha etapa para que despois el voara”, como así foi. “É momento de que Power teña novos obxectivos e desafíos. Así llo comunicou ao Club, nós enfocámolo con tristura pero tamén con moita alegría porque un de eses mozos que saiu a quilómetros da súa casa cumpre os seus obxectivos e medrou como persoa”, recoñecía Barreiro.
Repasando a súa traxectoria no Portus Apostoli, o director xeral quixo valorar o seu crecemento desde que chegara en xaneiro de 2021, en Segunda, ata o que é hoxe o Noia. “Tivo os seus momentos duros ao inicio, e eu sempre lle digo que é un bagaxe e unha experiencia. Neste Club tocou o ceo e sempre o defendeu”. Catro temporadas e media nas que se converteu no que é agora, “un noiés máis e a súa familia son uns noieses máis”.
Barreiro terminou o seu discurso desexándolle a Raggiati “a mellor das sortes, moitas grazas por todos estes anos, que saibas que esta é a túa casa e recibirémoste cos brazos abertos sempre”.
“Pecho unha etapa moi linda, de moitos anos, moitas experiencias”
Imaxes: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Power comezou a súa participación confesando que “é un momento moi bonito para min, triste por unha parte porque é unha despedida, pero creo que pecho unha etapa moi linda, de moitos anos, moitas experiencias. Medrei moito aquí, tanto como xogador como persoa”. O arxentino amosaba, a continuación, os seus agradecementos “a Javier, a Severino, a todos os corpos técnicos, á afección, e sobre todo á miña familia”, aos que recoñeceu como piar fundamental coa súa presenza na Vila. “Viven aquí, son noieses, eu síntome un noiés máis. É a miña segunda casa, a primeira en España, un lugar moi importante na miña vida”, relataba.
O protagonista concluiu as súas declaracións reiterando sentirse “triste por irme, pero moi feliz e contento por todo o camiño que me trouxo ata aquí, acompañar ao Club a conseguir todos estes éxitos” e deixando unha porta aberta para o futuro na que sempre será a súa casa: “quen sabe se o día de mañá nos atoparemos como noiés novamente”.
Volve a ver a rolda de prensa completa
Comments