Venres, 08/11/2024 · 15:45h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses queren romper a seca de vitorias por todo o alto, recibindo ao conxunto barcelonista este sábado 9 ás 18:00h.
Sábado de cita grande en Noia. A partir das 18:00h, o Agustín Mourís encherase en cifras históricas para ver como o seu Portus Apostoli, obsesionado con lograr o buscado e merecido primeiro triunfo da temporada, reta a todo un Barça nun duelo que promete espectáculo e emoción.
O cadro branco ten tan claro tanto que a maior parte dos resultados colleitados non se axustan ás súas actuacións (o último exemplo, en Anaitasuna), como que é o que está faltando para sumar máis: axustar a puntería e non perder o foco do partido en ningún momento. Ambos factores serán dúas das claves, como o foron contra ElPozo Murcia Costa Cálida FS, choque do que saíu o único punto que posúe o Portus Apostoli e do que agarda repetir esa gran comuñón coa súa xente que o fortalece.
Ante un Noia extramotivado e un ambiente de auténtica caldeira se topará o Barça, que chega a esta quinta xornada en plena fase de construción. A era Tino Pérez iniciou con dúas vitorias pola mínima en catro partidos (as dúas derrotas, lonxe do Palau) e aínda arrastrando varias baixas do pasado Mundial, como Pito, Adolfo e Khalid, ademais das de Sergio González e Dídac. Nada que lles impida traer ao Mourís un plantel de altísimo estatus, liderado polos Dyego, Catela, Sergio Lozano e etc., que tratarán de encauzar en Noia un irregular comezo.
É unha das datas marcadas en vermello no calendario, que non precisa ningunha dose a maiores de estímulo para un vestiario e unha afección que, ademais, están desexosos de quitarse xuntos dun golpe o lazo do primeiro triunfo contra un dos xigantes do fútbol sala nacional e escribir outra páxina do Club en letras de ouro.
Declaracións previas
Entradas
Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís a partir das 16:30h. Toda a información sobre a venda de entradas, AQUÍ.
Emisión en directo
O duelo contará coa emisión en directo a través de Esport3 e da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este sábado 9 a partir das 18:00h.
Árbitros
Francisco Javier Marazuela Hernando e Sergio Toral Heredia, do comité castelán-leonés. Será a primeira vez que ambos dirixan un partido do Portus Apostoli.
Precedentes
·5 de novembro de 2022 | X7 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 2-4 FCB
·11 de marzo de 2023 | X22 Primeira División FS 2022/2023 | FCB 3-4 NPA
·30 de setembro de 2023 | X4 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 5-8 FCB
·17 de febreiro de 2024 | X19 Primeira División FS 2023/2024 | FCB 3-1 NPA
Comentários