PREVIA X4 LIGA PRIME FUTSAL – TORNEO APERTURA | Noia Portus Apostoli FS – Barça | O Mourís desafía ao vixente campión

Ata os topes en número e ilusión, a afección noiesa vivirá este domingo 4 a partir das 12:30h no Municipal Agustín Mourís unha das datas marcadas en vermello no calendario. O xigante Barça, vixente campión de Liga, visita a un Noia Portus Apostoli FS invicto como local e desexoso de facer saltar a banca.
Certo é que a mostra dos brancos no seu feudo é aínda pequena, pero non por iso menos significativa. O empate con dose de tolemia ante o supercampión ElPozo Murcia Costa Cálida FS e a vitoria da pasada semana contra o Sur Seeds El Ejido Futsal, revelación das primeiras xornadas, demostran que o Mourís continúa sendo nesta temporada 2026/2027 un terreo perigoso para calquera visitante.

Ese triunfo sobre os exidenses, primeiro do curso, insuflou de máis confianza ao vestiario e chega no mellor momento para afrontar o desafío culé sen esa presión e con todo o valor do mundo. Ademais, sabedores de que o 1-0, como di o míster, póñeno os noieses desde a bancada. O resto correspéndelle a un equipo que, de seguro, irá sen complexos a por todas.
Un Barça, como sempre, aspirante a todo
O ano I da era Javi Rodríguez no Palau cumpriu os obxectivos de reconquistar a Liga e regresar á UEFA Futsal Champions League. Aínda que a Supercopa se lles escapou, os barcelonistas aspiran a erguer o resto de títulos en disputa esta campaña. Unha esixencia que responde ao nivel dun dos mellores planteis do mundo, á que se sumaron este verán o pivote Higor e o peche Mouhoudine. Para o duelo en Noia están descartados Pito, Matheus e Gauna, pero si poñerán pé na Vila os Antonio, Catela, Adolfo, Eric Martel, a parella en portería Dídac e Feixas, e o ex noiés João Victor, entre outros. Tras gañar o mércores a O Parrulo Ferrol FS por 5-1 no partido adiantado da xornada 7, os culés alcanzaban o inicio desta 4ª xornada no liderado con 10 puntos de 12 posibles, co empate contra Jimbee Cartagena Costa Cálida como único ‘tropezo’.
Declaracións previas
Entradas
ABONADOS
·SENTIMENTO: GRATIS. Non teñen que mercar entrada, soamente deben presentar o seu carnet de abonado/a, xa sexa físico ou dixital, na porta de acceso ao Municipal Agustín Mourís.
Lembramos a todos os abonados SENTIMENTO que non vaian a asistir ao encontro a posibilidade da cesión do seu asento a disposición do Club. O procedemento pódese levar a cabo tanto na plataforma online noiafs.compralaentrada.com, no apartado “liberar o meu asento”, como mediante un correo electrónico a administracion@noiafutbolsala.com ou WhatsApp al 669 72 95 75 especificando número de abonado, nome e apelidos e DNI.
·XERAL, FAMILIAR e ACOMPAÑANTE FAMILIAR*: 15€. *Acompañante familiar maior de 16 anos.
·MOZO e ACOMPAÑANTE FAMILIAR*: 10€. *Acompañante familiar menor de 16 anos.
NON ABONADOS
·XERAL (+16 anos): 25€
·MOZO (-16 anos): 15€
As entradas están dispoñibles en todas as súas modalidades na plataforma noiafs.compralaentrada.com/eventos. Ademais, no caso de quedar existencias, o domingo poñeríanse á venda as restantes na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís en torno a 1 hora e media antes do inicio do partido.
Emisión en directo
·En España, en directo e en exclusiva a través de DAZN (baixo a subscripción ‘Premium’ ou ‘Fútbol’ e GRATIS grazas ao DAZN Open Days só rexistrándote con correo electrónico).
·En Brasil, en directo e en exclusiva a través de Canal Gol Brasil.
Árbitros
Diego Martínez García, do comité balear, e Tomás Santander Flamarique, do comité aragonés. Balance con Martínez García de dúas vitorias e catro derrotas; con Santander Flamarique, catro gañados e dous perdidos.
Precedentes (balance oficial: 1V-0E-7D)
·5 de novembro de 2022 | X7 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 2-4 BAR
·11 de marzo de 2023 | X22 Primeira División FS 2022/2023 | BAR 3-4 NPA
·30 de setembro de 2023 | X4 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 5-8 BAR
·17 de febreiro de 2024 | X19 Primeira División FS 2023/2024 | BAR 3-1 NPA
·9 de novembro de 2024 | X5 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 0-4 BAR
·4 de maio de 2025 | X28 Primeira División FS 2024/2025 | BAR 4-1 NPA
·6 de decembro de 2025 | X13 Primeira División FS 2025/2026 | NPA 0-1 BAR
·4 de abril de 2026 | X24 Primeira División FS 2025/2026 | BAR 5-2 NPA





Comments