top of page

PREVIA X3 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – ElPozo Murcia Costa Cálida FS | Medrar ante a adversidade


Venres, 25/10/2024 · 16:30h · Imaxe: Foto Pichero | Os brancos recibirán este sábado 26 ás 18:00h a un dos mellores conxuntos do campionato.


O Noia Portus Apostoli FS buscará o borrón e conta nova na casa, iso si, ante quizais un dos peores invitados para facelo. ElPozo Murcia Costa Cálida FS, dos equipos máis en forma da Primeira División FS, senon o que máis, visita o Agustín Mourís na terceira xornada ligueira, este sábado 26 ás 18:00h.


Durante varios minutos, o Portus Apostoli amosou no Olivo Arena unha versión descoñecida, a peor sen dúbida ata o momento este curso. De aí xurdiu, en boa parte, unha clara derrota que os noieses tratarán de deixar nunha mala lembranza o antes posible. Para iso, non existe maior reforzo que o do Agustín Mourís, preparado para ofrecer a súa mellor cara no intento de dobregar a un dos equipos históricos e con máis calidade da nosa Liga.


6 puntos de 6 posibles goleando ao Barça e superando a “trampa” do ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS, ElPozo Murcia Costa Cálida FS comezou a campaña como se lle presupoñía a un dos favoritos ao título. O subcampión de Liga e Copa quere quitarse o prefixo “sub” da man do pichichi Marcel, os outros tres campións do mundo Marlon, Rafa Santos e Felipe Valerio, o inesgotable Gadeia, o seguro entre paus Edu ou o descaro de Ricardinho e César Velasco, as dúas únicas incorporacións da que é, unha temporada máis, un plantel de nivel.


Os brancos contarán coa novidade de Rufino, quen se perdera os dous compromisos ligueiros previos por lesión. Un efectivo máis para aportar á esixente pero ilusionante tarefa que terá por diante este sábado O Sentimento dunha Vila, experimentados en converter o Mourís nun fervedoiro, crecéndose ante os máis complicados retos.


 

Declaracións previas



Entradas

Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís a partir das 16:30h. Toda a información sobre a venda de entradas, AQUÍ.


Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través das cámaras da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este sábado 26 a partir das 18:00h.


Árbitros

Héctor Mayo López e Carlos Panadero Díaz-Concha, do comité madrileño. O balance noiés con esta parella é dunha vitoria, tres empates e dúas derrotas.


Precedentes

·30 de novembro de 2021 | 1/16 de final Copa do Rei FS 2021/2022 | NPA 5-3 ELP


·15 de outubro de 2022 | X4 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 2-2 ELP


·3 de febreiro de 2023 | X19 Primeira División FS 2022/2023 | ELP 7-2 NPA


·28 de outubro de 2023 | X8 Primeira División FS 2023/2024 | ELP 5-5 NPA


·8 de marzo de 2024 | X23 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 3-5 ELP

Comments


bottom of page