PREVIA X30 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Movistar Inter FS - Noia Portus Apostoli FS | Ata o último alento
- Departamento prensa Noia PA FS
- 21 hours ago
- 3 min read

Venres, 23/05/2025 · 13:25h · Imaxe: Foto Pichero | Derradeira xornada ligueira (sáb. 24/05, 20:00h, FEF TV), na que, para permanecer na elite, os noieses están obrigados a mellorar na cancha do recente campión de Copa do Rei FS o resultado que obteña o CD Burela FS.
Sábado 24 ás 20:00h. Xornada 30. Última oportunidade. Xa non hai máis rede para o Noia Portus Apostoli FS. As contas están claras: a salvación pasa por sumar na pista do Movistar Inter FS mellorando o resultado do CD Burela FS, que os aventaxa nun punto e xoga á mesma hora en Cartaxena. A confianza e ilusión dos noieses irán acompañadas de en torno a un centenar de gorxas que se desprazarán ao Pavillón Jorge Garbajosa de Torrexón para vivir xunto ao seu equipo esta trascendental data.
De dúas semanas de traballo dispuxo o bloque de David Palmas para preparar un encontro absolutamente vital. Tras recuperarse do duro golpe que supuxo non conseguir a vitoria no último duelo no Agustín Mourís, o vestiario branco está plenamente centrado en facer a súa parte da empresa, consciente de que non será unha tarefa sinxela pero tamén de que terá as súas opcións e deberá exprimilas ao máximo.
E é que o Portus Apostoli poñerá en xogo a categoría na cancha de todo un Movistar Inter FS, ao que, ademais, lle fará o corredor nos prolegómenos do choque. Os interistas proclamaronse campións da Copa do Rei FS na fin de semana de parón ligueiro, despois de superar ao Servigroup Peñíscola (3-1) en semis e ao Jaén Paraíso Interior FS (6-1) na final. Os de Alberto Riquer foron un dos mellores conxuntos da temporada, liderando a táboa durante boa parte grazas a un depurado estilo de xogo e un plantel plagado de talento e experiencia, cos Lucão, Chaguinha, Javi Mínguez, Jesús Herrero ou dous dos máximos goleadores da Liga, Cecilio (23 tantos) y Drahovsky (22), entre outros. Aínda que de menos valor, os telefónicos tamén terán algo en liza, xa que desde a súa cuarta posición con 58 puntos poden ascender incluso á primeira se gañan e ceden Peñíscola, Illes Balears Palma Futsal e Barça, o que lles daría factor pista en todo o PlayOff polo título.
A 2024/2025 foi unha campaña difícil. Chea de contratempos, de desgrazas, de sufrimento. Moitos daban xa por desafiuzado ao Noia Portus Apostoli FS en Nadal. Pero aquí estamos. Na xornada definitiva. Aínda que non dependa ao 100% de si mesmo. Aínda que os prognósticos sexan desfavorables. Ninguén se vai a render. Nin os da pista nin os da grada, que aí estarán, sexa onde sexa e pase o que pase, seempre. Ata o último alento.
Declaracións previas
O desprazamento
Última viaxe da temporada para a expedición noiesa, que puxo rumbo en autobús ao seu hotel de concentración en Torrexón de Ardoz na mañá do venres, tras realizar a última sesión previa ao encontro. Horario previsto de chegada a las 20:40h.
Emisión en directo
O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través de FEF TV, por web e app, este sábado 24 a partir das 20:00h.
Árbitros
Pablo Delgado Sastre, do comité valenciano, e Alejandro Martínez Flores, do comité murciano. Balance con Delgado Sastre dun gañado e un perdido; con Martínez Flores, dous triunfos e unha derrota.
Precedentes
·16 de decembro de 2022 | X14 Primeira División FS 2022/2023 | MOV 4-3 NPA
·13 de maio de 2023 | X29 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 2-2 MOV
·9 de decembro de 2023 | X15 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 6-3 MOV
·11 de maio de 2024 | X30 Primeira División FS 2023/2024 | MOV 5-0 NPA
·28 de decembro de 2024 | X12 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 3-7 MOV
Comments