top of page

PREVIA X2 LIGA PRIME FUTSAL – TORNEO APERTURA | Jaén Paraíso Interior FS – Noia Portus Apostoli FS | O Olivo, primeiro escenario a visitar

6 hours ago
3 min read
Sábado, 19/09/2026 · 12:57h · Imaxe: Foto Pichero | Os brancos volven a enfrontarse (dom. 20/09, 13:00h. TV: DAZN) a un conxunto da zona nobre, esta vez lonxe da casa.
Sábado, 19/09/2026 · 12:57h · Imaxe: Foto Pichero | Os brancos volven a enfrontarse (dom. 20/09, 13:00h. TV: DAZN) a un conxunto da zona nobre, esta vez lonxe da casa.

Segundo compromiso e primeiro desprazamento na Liga Prime Futsal 2026/2027 para o Noia Portus Apostoli FS. Os brancos visitarán este domingo 20 a partir das 13:00h a pista do Jaén Paraíso Interior FS coa intención de prolongar o bo inicio ligueiro.


A temporada arrancou como terminou a anterior: marcada pola tolemia. O tanto de Thierry in extremis no debut contra ElPozo asinou un empate que, como mínimo, era merecido e correspondía as moi positivas sensacións de xogo e compromiso. Todo iso co equipo aínda en fase de construción e con marxe de mellora, tal e como declaraba o míster David Palmas tras ese primeiro encontro.


Adestramento final en Mengíbar | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Adestramento final en Mengíbar | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Pero, aínda que as primeiras impresións pinten ben, isto non fixo máis que empezar. E para os noieses, cun calendario esixente, con cinco equipos de PlayOff nas seis primeiras datas. Por agora, a cabeza posta no Olivo Arena de Jaén, unha terra hostil onde buscarán romper as estatísticas (1 empate e 3 derrotas en catro visitas) para aproveitar a inercia, facer un bo papel e, sobre todo, levar os puntos.


O ‘Jaén das Copas’ quere máis


A campaña 2025/2026 escribiuse con letras de ouro na historia do Jaén Paraíso Interior FS. Os amarelos conquistaron a Copa de España FS e a Copa do Rei FS, ademais da Copa Andalucía. Torneos curtos aos que a súa idiosincrasia de máxima competitividade se adapta completamente. Para intentar emular o conseguido, os de Dani Rodríguez reforzáronse con tres vellos coñecidos como Boyis, César e Frezzatto, que se unen a un plantel cheo de internacionais españois (Dani Zurdo, Esteban, Eloy Rojas e Míchel), internacionais arxentinos (o ex noiés Power Raggiati, Mati Rosa e Alan Brandi) e brasileiros de gran nivel como Espíndola, Bynho e João Salla. Na primeira xornada, os xienenses lograron a vitoria (1-3) na pista do Magna Xota FS, coa que se sitúan 7º na clasificación. Aínda que a súa temporada empezou antes, nunha Supercopa onde só o Barça, e a penaltis, os puido afastar de repetir final nun torneo do KO.



Declaracións previas



O desprazamento

A expedición noiesa iniciará o seu traxecto en autobús na noite do venres. O sábado pola mañá, tras poñer pé a terra, realizarán o último adestramento previo ao encontro.


Emisión en directo

·En España, en directo e en exclusiva a través de DAZN (baixo a subscripción ‘Premium’ ou ‘Fútbol’).


Árbitros

Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo, do comité cántabro. Balance dun triunfo, un empate e sete derrotas con Sánchez Llorente; un gañado e sete perdidos con Toca Campo.


Precedentes (balance oficial: 0V-4E-4D)

·12 de novembro de 2022 | X8 Primeira División FS 2022/2023 | JPI 4-3 NPA


·18 de marzo de 2023 | X23 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 3-3 JPI


·4 de novembro de 2023 | X9 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 2-4 JPI


·16 de marzo de 2024 | X24 Primeira División FS 2023/2024 | JPI 3-2 NPA


·20 de outubro de 2024 | X2 Primeira División FS 2024/2025 | JPI 5-2 NPA


·8 de febreiro de 2025 | X16 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 1-1 JPI


·9 de setembro de 2025 | X2 Primeira División FS 2025/2026 | NPA 2-2 JPI


·7 de marzo de 2026 | X21 Primeira División FS 2025/2026 | JPI 1-1 NPA

Comments


bottom of page