PREVIA X27 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Viña Albali Valdepeñas - Noia Portus Apostoli FS | Duelo clave no Virgen de la Cabeza
- Departamento prensa Noia PA FS
- 2 days ago
- 3 min read

Venres, 25/04/2025 · 17:05h · Imaxe: Foto Pichero | Primeira saída de dúas consecutivas para o cadro noiés, que se enfronta esta xornada a un reto maiúsculo (sáb 26/04, 18:30h, FEF TV) na batalla pola permanencia.
O pulso pola salvación desenvolve unha nova partida esta fin de semana, e só quedan catro. A 27ª xornada da Primeira División FS leva ao Noia Portus Apostoli FS este sábado 26 ás 18:30h á sempre complicada pista do Viña Albali Valdepeñas, no primeiro de dous desprazamentos consecutivos que poden marcar o futuro dos noieses.
O conxunto dirixido por David Palmas continúa firme nas súas intencións de manter a categoría, froito das catro vitorias consecutivas no Agustín Mourís. Un abrigo que os seus só volverán a sentir unha vez máis no que resta de curso, polo que, aínda que sexa en dúas prazas de extrema dificultade como o Virgen de la Cabeza e a vindeira semana o Palau Blaugrana, sumar a domicilio tórnase fundamental. Máis, tendo en conta que o actual máximo rival directo, o ATP Iluminación Ribera Navarra FS, tampouco saca o pé do acelerador e segue metendo presión na 15ª e penúltima praza cos mesmos 25 puntos, só separados polo goal average favorable aos brancos.
1 punto por enriba do Portus Apostoli está o outro equipo galego da categoría, CD Burela FS; a 4, o opoñente da anterior xornada, Quesos El Hidalgo Manzanares FS; e a 5, 10º con 30 puntos, un Viña Albali Valdepeñas ante a oportunidade de encarrilar a permanencia. Os vinateiros están no seu mellor momento dunha convulsa temporada, na que tiveron ata 4 adestradores. Con Álvaro Martínez no banco atoparon estabilidade e regularidade, sumando 11 de 18 puntos posibles, con só unha derrota. Pol Pacheco é o máximo realizador (19 goles) e o xogador máis inspirado dun plantel con aínda máis doses de talento nos Eloy Rojas, Carrasco, Bynho, Lolo ou Boyis, entre outros. Serán baixa confirmada Fernando (lesión) e Alberto (sanción). No seu último compromiso, os valdepeñeiros empataron (3-3) tamén no seu feudo contra Industria Santa Coloma.
Os tudelanos volverán a saltar á pista un día antes, como na xornada anterior. Manzanareños, uns minutos antes, e bureleses, uns despois. Pero o Noia Portus Apostoli FS só ten os cinco sentidos no que pase no seu partido. Continuar férreos nun pulso no que aínda quedan moitas forzas pasa por facer tesouro lonxe da casa e, ao igual que nas dúas temporadas previas, lograr a esixente tarefa de asaltar o “Inferno da Mancha”, obxectivo dun grupo noiés ilusionado e confiado nas súas posibilidades.
Declaracións previas
O desprazamento
A expedición noiesa iniciou a súa viaxe en autobús rumbo ao hotel de concentración o venres pola mañá, tras o último adestramento previo ao partido, con chegada prevista para as 21:45h.
Emisión en directo
O encontro emitirase en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, en web e app, este sábado 26 de abril a partir das 18:30h.
Árbitros
Pedro Antonio Carrillo Arroyo e Antonio Jesús García Robles, do comité andaluz. Balance dun empate e unha derrota con Carrillo Arroyo; un partido perdido con García Robles.
Precedentes
·7 de outubro de 2017 | X4 Segunda División FS 2017/2018 | NPA 1-4 VAV
·3 de febreiro de 2018 | X19 Segunda División FS 2017/2018 | VAV 3-2 NPA
·15 de decembro de 2020 | Oitavos de final Copa do Rei FS 2020/2021 | NPA 1-4 VAV
·23 de outubro de 2022 | X5 Primeira División FS 2022/2023 | VAV 3-4 NPA
·18 de febreiro de 2023 | X20 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 8-2 VAV
·14 de outubro de 2023 | X5 Primeira División FS 2023/2024 | VAV 2-4 NPA
·24 de febreiro de 2024 | X20 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 4-4 VAV
·7 de decembro de 2024 | X10 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 0-1 VAV
Commentaires