top of page

PREVIA X26 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Córdoba Patrimonio de la Humanidad - Noia Portus Apostoli FS | Lastrados, pero a por todas

  • 7 hours ago
  • 3 min read
Venres, 24/04/2026 · 15:30h · Imaxe: Foto Pichero | As baixas marcan a viaxe dos noieses a Córdoba (sáb. 25/04, 13:00h. TV: RTVE Play e LALIGA+), onde, a pesar delas, buscarán un triunfo que lles permita seguir aspirando ao PlayOff.
Venres, 24/04/2026 · 15:30h · Imaxe: Foto Pichero | As baixas marcan a viaxe dos noieses a Córdoba (sáb. 25/04, 13:00h. TV: RTVE Play e LALIGA+), onde, a pesar delas, buscarán un triunfo que lles permita seguir aspirando ao PlayOff.

Terceiro partido dos cinco en quince días da maratón do Noia Portus Apostoli FS. Tras o triunfo contra o Family Cash Alzira FS (5-4) e a derrota ante Illes Balears Palma Futsal (0-2), ambos na casa, o cadro branco visita este sábado 25 a partir das 13:00h ao Córdoba Patrimonio de la Humanidad pola xornada 26 ligueira, coas numerosas baixas como tema principal.


Chegaba con 6 o equipo noiés ao duelo co tricampión europeo e mundial o pasado martes, e con 8 ausencias se presentará na cidade califal. Á nómina uníronse Altamirano, lesionado de maneira totalmente desafortunada nunha colisión co seu compañeiro Thierry, e Douglas, que foi sancionado con dous partidos pola expulsión con vermella directa recibida. Isto propicia que David Palmas siga tendo que contar cunha ampla representación de xogadores da Escola Noiesa nos seus plans. Catro incluiu nas listas contra alzireños e baleares: Iván, Koeman, Nico Cuello e Oliver Chenel. O último en incorporarse aos adestramentos foi este xoves Gabi, xogador do Xuvenil DH, nunha sesión na que tamén participou o meta Cristian.


A última sesión, en Córdoba | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
A última sesión, en Córdoba | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

O bo facer do equipo durante o curso, logrando a permanencia matemática con maior antelación da súa historia na elite, permite vivir esta adversa situación con certa tranquilidade. Aínda que, por outro lado e como é evidente, complica sobremaneira o soño de asaltar a zona de PlayOff, da que lle separan tres puntos cun partido máis (9º con 34 puntos en 26 partidos, 8º con 37 en 25 choques é Jaén). Así as cousas, todo parece poñerse en contra do Noia Portus Apostoli FS nesta recta definitiva do torneo. Pero as ganas de seguir competindo polo máximo que se poida e de dalo todo ata o final en todas as pistas non se borran por ningunha baixa, cansazo ou dificultade que poida aparecer.


Os cordobeses, ante unha ‘final’


O Portus Apostoli atoparase en Vista Alegre a un Córdoba Patrimonio de la Humanidad que aínda non asegurou a súa presenza en Primeira para a vindeira campaña. Algo que practicamente se daba por feito no enfrontamento do Mourís entre noieses e califais, ao que ambos chegaban apurando as súas opcións copeiras. Pero unha segunda volta na que, ata a data, só sumaron en tres de dez partidos (dous triunfos e un empate) e na que acumulan seis derrotas consecutivas meteu aos cordobeses nun contexto de sensacións negativas perigoso para este tramo decisivo de campionato. Na táboa sitúanse 13º con 25 puntos, con 7 sobre a zona de descenso e os de atrás apretando. Por iso, para o equipo dirixido polo ex noiés Emanuel Santoro esta será toda unha ‘final’ no seu feudo, onde só gañaron dous partidos e levan sen facelo desde novembro. Como máximos goleadores figuran Murilo (13 dianas) e Carlos Gómez (10), nun conxunto que domina o xogo de incorporación do portero con Víctor Areales, quen forma parella entre paus co internacional español Fabio.



Declaracións previas



O desprazamento

A expedición noiesa desprazouse en autobús a terras cordobesas, realizando o último adestramento previo ao partido no escenario do mesmo, o Palacio de Deportes Vista Alegre, á súa chegada.


Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo a través de RTVE Play (gratis) e LALIGA+ (baixo subscripción), ambas por web e app, este sábado 25 a partir das 13:00h.


Árbitros

Carlos Panadero Díaz-Concha e Héctor Mayo López, do comité madrileño. Balance con esta parella de tres gañados, cinco empatados e tres perdidos.


Precedentes (balance oficial: 4V-4E-5D)

·21 de outubro de 2017 | X6 Segunda División FS 2017/2018 | NPA 4-6 CPH


·17 de febreiro de 2018 | X21 Segunda División FS 2017/2018 | CPH 7-2 NPA


·29 de setembro de 2018 | X3 Segunda División FS 2018/2019 | CPH 2-2 NPA


·26 de xaneiro de 2019 | X18 Segunda División FS 2018/2019 | NPA 1-1 CPH


·15 de febreiro de 2022 | 1/8 de final Copa do Rei FS 2021/2022 | NPA 2-3 CPH


·10 de setembro de 2022 | X1 Primeira División FS 2022/2023 | CPH 4-5 NPA


·14 de xaneiro de 2023 | X16 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 4-2 CPH


·25 de xaneiro de 2023 | 1/8 de final Copa do Rei FS 2022/2023 | CPH 2-3 NPA


·9 de setembro de 2023 | X2 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 2-4 CPH


·13 de xaneiro de 2024 | X17 Primeira División FS 2023/2024 | CPH 7-2 NPA


·30 de novembro de 2024 | X9 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 1-1 CPH


·22 de febreiro de 2025 | X19 Primeira División FS 2024/2025 | CPH 2-2 NPA


·29 de novembro de 2025 | X12 Primeira División FS 2025/2026 | NPA 3-2 CPH

Comments


bottom of page