top of page

PREVIA X25 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – Family Cash Alzira FS | Empeza a recta final

  • 1 hour ago
  • 3 min read
Venres, 17/04/2026 · 19:15h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses volven a casa máis dun mes despois (sáb. 18/04, 16:30h. TV: LALIGA+) en busca dun importante triunfo na pugna polo PlayOff.
Venres, 17/04/2026 · 19:15h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses volven a casa máis dun mes despois (sáb. 18/04, 16:30h. TV: LALIGA+) en busca dun importante triunfo na pugna polo PlayOff.

O Noia Portus Apostoli FS volve á competición tras unha semana de parón e a casa máis dun mes despois. Arranca a recta final de curso para os brancos que reciben en partido da xornada 25 ao Family Cash Alzira FS este sábado 18 a partir das 16:30h, con tres puntos moi importantes en xogo.


Para os noieses, facerse con eles supoñería rachar definitivamente o obxectivo da permanencia matemática e manterse de cheo no ambicioso reto da pugna polo PlayOff. Nestes momentos, desde a 10ª praza con 31 puntos, o top 8 está a tres, marcado polos 34 do Jaén Paraíso Interior FS. Ademais, un triunfo tamén significaría deixar atrás unha serie de tres derrotas consecutivas, as ligueiras en Valdepeñas e Barcelona e a da final de Copa Galicia FS.


De novo, presenza filialista na convocatoria | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
De novo, presenza filialista na convocatoria | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Os noieses preséntanse a este choque decimados polas baixas. Ata 7 ausencias conta David Palmas de cara ao sábado. Entre elas, a máis destacada pola súa gravidade é a de Rubi, que, ao igual que Leozin, pérdese o que resta de temporada. A consecuencia diso, varios xogadores do Filial completarán a convocatoria definitiva.


Un Family Cash Alzira FS que se xoga a vida


De dado por descendido a máis que vivo. Hai un ano, ese era o Noia Portus Apostoli FS, nunha historia que acabou con final feliz. O mesmo que persegue o Family Cash Alzira FS. O empate en Palma, nun partido que chegou a ir perdendo por 4-1, e a vitoria no duelo directo contra Osasuna Magna pon aos alzireños a só tres unidades da salvación con 18 por disputarse, e nun bo momento ao que queren darlle prolongación neste tramo decisivo. Os de Braulio Correal practican un xogo no que destacan as incorporacións do porteiro, con protagonismo da fichaxe invernal Deivd (xunto a el chegaron os ás Franco Duque e Luiz Fernando), e o un contra un, sinónimo dos Povea, Lechero ou incluso o seu pivote de maior incidencia, Yunii. El é un dos líderes a nivel estatístico, con 9 goles, só superado polo peche Rubi Sánchez (14) e Pablo García (11).



Declaracións previas



Entradas

Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís o día do partido a partir das 15:00h.


Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través de LALIGA+ (baixo subscripción), por web e app, este sábado 18 a partir das 16:30h.


Árbitros

David Urdánoz Apezteguía e Eder Gómez de Salazar Fernández, do comité navarro. Balance de dous gañados e tres perdidos con Urdánoz Apezteguía; dous triunfos e cinco derrotas con Gómez de Salazar.


Precedentes (balance oficial: 4V-2E-1D)

·28 de setembro de 2019 | X3 Segunda División FS 2019/2020 | ALZ 3-4 NPA


·25 de xaneiro de 2020 | X18 Segunda División FS 2019/2020 | NPA 2-2 ALZ


·11 de setembro de 2021 | X1 Segunda División FS 2021/2022 | ALZ 2-4 NPA


·8 de xaneiro de 2022 | X18 Segunda División FS 2021/2022 | NPA 3-2 ALZ


·21 de outubro de 2023 | X7 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 2-1 ALZ


·5 de marzo de 2024 | X22 Primeira División FS 2023/2024 | ALZ 4-2 NPA


·13 de decembro de 2025 | X14 Primeira División FS 2025/2026 | ALZ 5-5 NPA

Comments


bottom of page