PREVIA X23 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Viña Albali Valdepeñas - Noia Portus Apostoli FS | Duelo directo de ambición
- 4 hours ago
- 3 min read

Regresa o campionato ligueiro tras o parón pola Copa de España FS, e para o Noia Portus Apostoli FS faino con desprazamento. Este sábado 28 ás 19:30h, xornada 23 na pista do Viña Albali Valdepeñas, nun duelo de dous equipos no top 8 separados por apenas 1 punto.
O conxunto noiés aproveitou o receso da Primeira División FS para meterse na súa sexta final consecutiva de Copa Galicia FS, unha cita xa no horizonte da vindeira semana. Antes de disputarse o trono autonómico co O Parrulo Ferrol FS, os brancos intentarán prolongar este sábado a inercia positiva que manteñen, cuxo inicio se remonta a comezos de mes co triunfo en Peñíscola, seguiu días máis tarde co empate na pista do agora campión de Copa de España FS e alcanzou o seu punto álxido coa vitoria ante Osasuna Magna, un montante de 7 dos últimos 9 puntos para superar o obxectivo dos 30.

Para ser máis concretos, 31 unidades é o botín que teñen os de David Palmas. Tamén no seu peto está a permanencia virtual, que máis cedo que tarde podería converterse en matemática. E con todo iso, agora a ambición mira cara arriba, a manter ou incluso mellorar o 8º posto que, tras 22 partidos, ostentan os noieses. A primeira parada nesa misión, un Virgen de la Cabeza que acollerá un auténtico enfrontamento directo.
A ‘tomarse o desquite’ ante os vinateiros
No 6º lugar con 32 puntos -cun partido pendente- está o Viña Albali Valdepeñas de Marlon Velasco. Temporada de alegrías para os azulóns, despois de dúas dubitativas. Os vinateiros loitan polo PlayOff, veñen de xogar a Copa de España FS en Granada -dura derrota en cuartos contra o Barça- e estarán na Final Four da Copa do Rei FS, precisamente despois de eliminar ao Portus Apostoli nunha noite de tolemia que se decidiu na tanda de penaltis e que, seguro, os noieses quererán ‘vingar’. Carrasco, con 14 dianas, é o máximo anotador valdepeñeiro, seguido polas 10 de Nicolás entre as logradas co Córdoba Patrimonio de la Humanidad e as que sumou desde a súa chegada ao equipo vinateiro en xaneiro. Entre outros xogadores a destacar, o ‘metrónomo’ Boyis, os desequilibrantes Naranjo e Torres e a parella de porteiros Borja Puerta-Pato.
Declaracións previas
O desprazamento
Tras a última sesión de adestramento, a expedición noiesa iniciou viaxe en autobús ao seu hotel de concentración en Manzanares na mañá do venres, con hora prevista de chegada sobre as 22:30h.
Emisión en directo
O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través de LALIGA+ (baixo subscripción), por web e app, este sábado 28 a partir das 19:30h.
Árbitros
Carlos Enrique Bustos Caparrós e Manuel Jesús Barrilero Mohedano, do comité andaluz. Balance dunha vitoria, un empate e unha derrota con esta parella.
Precedentes (balance oficial: 4V-2E-5D)
·7 de outubro de 2017 | X4 Segunda División FS 2017/2018 | NPA 1-4 VAV
·3 de febreiro de 2018 | JX9 Segunda División FS 2017/2018 | VAV 3-2 NPA
·15 de decembro de 2020 | 1/8 de final Copa do Rei FS 2020/2021 | NPA 1-4 VAV
·23 de outubro de 2022 | X5 Primeira División FS 2022/2023 | VAV 3-4 NPA
·18 de febreiro de 2023 | X20 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 8-2 VAV
·14 de outubro de 2023 | X5 Primeira División FS 2023/2024 | VAV 2-4 NPA
·24 de febreiro de 2024 | X20 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 4-4 VAV
·7 de decembro de 2024 | X10 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 0-1 VAV
·26 de abril de 2025 | X27 Primeira División FS 2024/2025 | VAV 4-1 NPA
·27 de setembro de 2025 | X4 Primeira División FS 2025/2026 | NPA 3-1 VAV
·18 de febreiro de 2026 | 1/4 de final Copa do Rei FS 2025/2026 | NPA 4(4)-4(5) VAV





Comments