
Xoves, 27/03/2025 · 15:35h · Imaxe: Foto Pichero | Volta á Rexión de Murcia (ven. 28/03, 21:00h, FEF TV) tras o parón co foco posto en continuar á alza ante un histórico da nosa Liga.
O Noia Portus Apostoli FS regresa á competición tras o parón pola Copa de España FS, e, como fixera no seu anterior desprazamento, viaxa á Rexión de Murcia. Os brancos queren dar continuidade á dinámica positiva de 2025 na visita a ElPozo Murcia Costa Cálida FS, todo un histórico cun dos bloques con máis potencial do campionato, este venres 28 ás 21:00h pola 23ª xornada ligueira.
O duelo en Murcia servirá como inicio a un carrusel de tres partidos en sete días, ao que o Noia chega en 14ª posición con 19 puntos, un por riba do descenso, tras a épica vitoria no derbi de hai once días. Iso, xunto ao triunfo de ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS en Zaragoza, provocou que a batalla pola salvación se aprete máis, coa entrada de novos “invitados”. É o caso dun Córdoba Patrimonio de la Humanidad ao que os noieses xa ven a unha soa unidade, e con tres puntos máis que os cordobeses, pero xa mirando de esguello, están Viña Albali Valdepeñas e CD Burela FS. Nesa tesitura, o Portus Apostoli apela a prolongar o seu gran estado de forma, que inclúe máis de tres meses sen perder lonxe de casa, para continuar escalando.
Ao igual que os seus veciños cartaxeneiros, aos que o Noia sacou un punto dunha axustada contenda, ElPozo Murcia Costa Cálida FS recibe aos blancos nun momento delicado do curso. Aínda que acumulan catro choques consecutivos sumando e dúas vitorias nos seus dous últimos partidos como locais en Liga, os xamoneiros son 7º con 32 puntos, posto que para nada corresponde a un plantel de tal calidade, con pezas de talla mundial como Marcel, Gadeia, Rafa Santos, Felipe Valerio, Edu e un largo etcétera. Desde o 2 de febreiro diríxeos Josan González, en sustitución de Dani Martínez, cun balance de 2 partidos gañados, 4 empatados e 1 perdido en Liga, onde buscan subir posicións para pelexar polo título no PlayOff. O seu último compromiso disputárono na Copa de España FS, caendo en cuartos de final ante Illes Balears Palma Futsal (3-2).
Non cabe dúbida de que o Noia Portus Apostoli FS se atopa no seu mellor momento da temporada. Dino os números e tamén as sensacións. Este venres, nun escenario incomparable como o Palacio de los Deportes de Murcia, os de David Palmas terán diante unha nova oportunidade de demostralo e dar outro paso cara a permanencia.
Declaracións previas
O desprazamento
Viaxe en avión con destino Alacante para a expedición do Portus Apostoli na tarde-noite do xoves. Os noieses hospedaranse na cidade alacantina ata poñer rumbo ao Palacio de los Deportes de Murcia o venres pola tarde.
Emisión en directo
O encontro emitirase en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, en web e app, este venres 28 de marzo a partir das 21:00h.
Árbitros
Diego Martínez García, do comité balear, e Iván López Galiano, do comité catalán. Con Martínez García, balance dunha vitoria e tres derrotas; con López Galiano, unha derrota nun partido.
Precedentes
·30 de novembro de 2021 | 1/16 de final Copa do Rei FS 2021/2022 | NPA 5-3 ELP
·15 de outubro de 2022 | X4 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 2-2 ELP
·3 de febreiro de 2023 | X19 Primeira División FS 2022/2023 | ELP 7-2 NPA
·28 de outubro de 2023 | X8 Primeira División FS 2023/2024 | ELP 5-5 NPA
·8 de marzo de 2024 | X23 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 3-5 ELP
·26 de outubro de 2024 | X3 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 3-3 ELP
Commentaires