top of page

Poñemos números ao “mellor momento da temporada”

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • Mar 22
  • 3 min read

ree

Sábado, 22/03/2025 · 13:50h · Imaxe: Foto Pichero | Debullamos cinco datos que reflicten o gran estado de forma actual do Portus Apostoli.


O Noia Portus Apostoli FS está actualmente no seu mellor momento da temporada. E non só o din os protagonistas, senon que tamén os números, eses que non paraban de dar a costa nos primeiros meses de curso, pero que agora, por fin, lles sorrín. Destacamos a continuación cinco dos datos que delatan o cambio de dinámica noiés.


·Cuartos na clasificación da segunda volta

ree

Mesmos puntos que o campión de Europa nesta segunda volta. (Imaxe: Foto Pichero)


Ata a xornada 15, última da primeira volta, tivo que agardar o Portus Apostoli para lograr o primeiro triunfo ligueiro do curso. Tras ese partido en Zaragoza, os brancos eran pechacancelas con 7 puntos. Esa vitoria supuxo o clic definitivo. E é que, se só tomamos en conta as sete xornadas que levamos de segunda metade do campionato para a clasificación, los noieses son o cuarto mellor equipo, con 12 puntos de 21 posibles grazas a tres vitorias, tres empates e unha derrota. Por diante están unicamente Peñíscola (19), Barça (16) e, coa mesma puntuación, Illes Balears Palma Futsal, mentres que polo retrovisor ven a grandes conxuntos como Movistar Inter FS (11) ou ElPozo Murcia Costa Cálida FS (10), que será o seu próximo rival.


·Só unha derrota nos últimos 10 partidos de Liga

ree

A única cruz en meses, ante Servigroup Peñíscola. (Imaxe: Foto Pichero)


Como se mencionaba no anterior parágrafo, tan só un partido perderon os noieses no que vai de segunda volta. Pero, se botamos a vista un pouco máis atrás e collemos os tres duelos finais da primeira, ante CD Burela FS (2-2), Illes Balears Palma Futsal (3-3) e Wanapix Sala 10 (1-3), os resultados dictan que a derrota da xornada 19 ante o líder Servigroup Peñíscola FS é a única nos últimos 10 partidos. Sumar, aínda que sexa con empates, tamén vale de moito nunha competición moi igualada.


·Sólidos nas visitas

ree

O triunfo en Zaragoza, o primeiro lonxe de Noia. (Imaxe: Alexio Raw/Wanapix Sala 10)


As primeiras cinco saídas da temporada saldáronse con sendas derrotas. Ata o punto logrado en Burela, o 4 de xaneiro, os noieses non sumaran como visitantes. Desde entón, son dúas vitorias (claves ademais, en Zaragoza e Tudela) e outros dous empates (en Córdoba e Cartaxena), xunto ao conseguido en A Mariña lucense, os que provocan que o equipo de David Palmas non coñeza a derrota lonxe de casa desde hai máis de tres meses, o 21 de decembro en Santa Coloma. Durante varias xornadas e ata que chegaron eses triunfos na casa contra Osasuna Magna e Burela, o Noia presentou mellor puntuación fóra que no Mourís, froito desta gran xeira que tratarán de prolongar no Municipal dos Deportes de Murcia este venres 28.


·A mellora goleadora

ree

Pirata (11) e Power (8), os máximos goleadores do equipo. (Imaxe: Foto Pichero)


O máis importante do fútbol sala e outros tantos deportes, e o que tanto tempo semellaba unha maldición sobre o Portus Apostoli: o gol. 207 minutos, algo máis de 5 partidos, estiveron os brancos sen marcar en Liga entre as xornadas 4 e 9. Entre medias, grandes actuacións dos metas rivais, innumerables disparos ao pau e outras ocasións marradas que marcaron boa parte dunha desgrazada primeira volta que os noieses terminaron con 21 goles a favor tras 15 jornadas. Nestas 7 de segunda volta, xa son 18 os tantos convertidos. Un contraste notorio no que toma protagonismo o nome de Pirata, máximo goleador do equipo, que logrou 8 das súas 11 dianas a partir da 16ª data.


·Peixe e Schütt: os que menos encaixan na segunda volta

ree

A parella brasileira mantén a resistencia en defensa. (Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS)


E, por último, pero quizais unha das cousas máis relevantes, a seguridade atrás. Soa raro dicilo do antepenúltimo da clasificación cun punto sobre o descenso, pero incluso nos malos momentos, a portería noiesa non era das máis castigadas, e neste tramo positivo os números son aínda mellores. Con 13 goles recibidos nos últimos 7 partidos, a parella composta por Peixe e Schütt é a que menos encaixa nesta segunda volta ligueira, seguida polos 15 de Servigroup Peñíscola FS, e con ampla diferenza sobre rivais directos como Córdoba Patrimonio de la Humanidad (24), Viña Albali Valdepeñas (26) ou Wanapix Sala 10 (34). E se miramos a nivel global na táboa, cos 57 tantos recibidos en total a do Noia é a quinta portería menos batida do campionato, igualada coa de Osasuna Magna. Un ferrollo que, ao igual que o resto de estatísticas, será clave que permaneza en boa liña para perseguir e lograr o obxectivo da permanencia.

Comments


bottom of page