top of page

PREVIA X23 | Noia Portus Apostoli FS – ElPozo Murcia Costa Cálida FS | Borrón e conta nova

O conxunto noiés buscará unha redención ao grande no seu feudo, onde sumou 4 dos últimos 6 puntos, contra todo un histórico da categoría, este venres 8 a partir das 21:00h.
Os cántabros Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo arbitrarán o encontro, con emisión en directo e exclusiva por FEF TV.

Matheus Preá dá un pase, ante Pazos e Pirata, nun adestramento. (foto: Manuel Lorenzo)

O Noia Portus Apostoli FS regresa a casa nesta xornada 23 da Primeira División FS. Farao en horario atípico, o venres 8 ás 21:00h, e coa ambición de superar ao transatlántico e 2º clasificado, ElPozo Murcia Costa Cálida FS, para deixar atrás as dúas dolorosas derrotas na Comunitat Valenciana e intentar sacar a cabeza da zona de descenso.


A pesar do duro golpe que supuxo o saír sen sumar e na última posición das visitas a Peñíscola e Alzira, onde faltou puntería e acertar neses pequenos detalles que deciden partidos, a permanencia está a tan só 2 puntos con 8 xornadas por disputarse, catro delas no Agustín Mourís. Nesta recta final, os brancos ansían instalar definitivamente no seu feudo, onde lograron 4 dos seus 5 triunfos este curso e unha vitoria e un empate nos seus últimos dous compromisos, un fortín que lles acerque a esa salvación.


Precisamente este venres vén ao Agustín Mourís un equipo que, en dúas visitas, non sabe que é gañar np pavillón noiés. Palabras que toman maior significado ao tratarse de todo un ElPozo Murcia Costa Cálida FS, que este curso cumpre 35 anos sendo un dos referentes nacionais na máxima categoría. Os murcianos, dirixidos por Daniel Martínez tras o cese de Javi Rodríguez o pasado 16 de febreiro, chegan a Noia á alza. Segundos con 42 puntos, a 2 do líder Barça, nos últimos cuatro encontros ElPozo acumula tres vitorias e un empate, o logrado o pasado martes ante Viña Albali Valdepeñas. Unha enorme calidade e solidez son aspectos que definen a un conxunto que é o 2º máis goleador da Liga, con Marcel como segundo máximo anotador con 20 tantos e outros tres xogadores con 10 ou máis goles en Gadeia, Niyazov e Rafa Santos, e tamén é o 2º menos goleado, empatado a 54 dianas en contra con Jaén Paraíso Interior, grazas a unha gran capacidade defensiva, capitaneada polo gardameta luso Edu.


O pasado xa non se pode mudar, pero o que si está nas mans do Noia Portus Apostoli FS é o futuro, o que vén agora, que non son máis que 8 durísimas finais, independentemente do rival, co claro obxectivo da permanencia na elite.


 

Declaracións previas



Entradas - Día do Club

O encontro entre Noia Portus Apostoli FS e ElPozo Murcia Costa Cálida FS foi designado Día do Club. As entradas aínda dispoñibles están á venda na web noiafs.compralaentrada.com/eventos/ e no Local Social do Club (Rúa Carcasía, 7), de 12:00h a 13:00h e 18:30h a 19:30h.


Consulta AQUÍ a información completa sobre a venda de entradas.


Emisión en directo

O partido contará coa emisión en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este venres 8 a partir das 21:00h.


Árbitros

Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo, do comité cántabro. Con esta parella, 3 derrotas en 3 partidos para os noieses en Primeira.


Precedentes

·30 de novembro de 2021 | 1/16 de final Copa do Rei 2021/2022 | NPA 5-3 ELP


·15 de outubro de 2022 | J4 Primeira División 2022/2023 | NPA 2-2 ELP


·3 de febreiro de 2023 | J19 Primeira División 2022/2023 | ELP 7-2 NPA


·28 de outubro de 2023 | J8 Primeira División 2023/2024 | ELP 5-5 NPA

bottom of page